Entrevista ao compañeiro Daniel Candal sobre a represión policial

2015011421503380582Reproducimos a continuación a entrevista que Sermos Galiza realizou ao compañeiro de Galiza Nova na Coruña, Daniel Candal Castro,  este 15 de xaneiro, sobre a continua represión e sancións policiais e administrativas contra a mocidade nacionalista.

A actividade política relacionada coa súa militancia nacionalista na organización Galiza Nova levou a Daniel Candal a ser identificado pola Policía tres veces durante o exercicio 2014.

Dunha destas identificacións derivou unha sanción económica contra el e outr@s 2 compañeir@s por importe de 450 euros a raíz da elaboración dun mural en homenaxe a Pedro Galán Calvete, secretario de organización das Mocidades Galeguistas da Coruña fusilado polos fascistas en 1936 cando tan só contaba con 19 anos.

Un ano de identificacións, ameazas de sancións e sanción..

O primeiro foi nun escrache aquí na Coruña á conselleira de Traballo durante un acto. Eramos uns 20 rapaces e limitámonos a sacar unha faixa cando ela interviu. Desaloxáronnos a golpes e despois identificáronnos a todos e todas baixo ameaza de sanción.

Outra identificación foi por repartir folletos políticos á saída dun partido en Riazor. Simplemente por iso identificáronnos a seis militantes de Galiza Nova coa ameaza de sanción por estar a facer un reparto seica que ‘ilegal’.

A terceira xa foi algo máis serio. Estabamos a facer un mural de homenaxe a Pedro Galán, mozo galeguista asasinado no 36, perto de onde está enterrado. E estabámolo a facer, como sempre nestes casos, nun valado de propiedade municipal e que estaba bastante deteriorado. Cando levabamos uns 20 minutos nesa tarefa fixo acto de presenza un gran despregamento policial, con axentes a pé tres ou catro carros da policía, unha moto…e todo iso por tres rapaces que estabamos a facer un mural.

Por esa acción si que houbo sanción económica?

Requisáronnos todo o material co que estabamos a facer o mural, o que xa valía uns cartos. Identificáronnos e si, despois veu unha sanción económica. Eran 150 euros cada un, ou sexa 450 euros en total.

Notas un aumento das medidas punitivas e sancionadoras en actividades e tarefas políticas que até non hai tanto non eran ‘castigadas’?

Desde logo. O recruacemento das condicións económicas e laborais, entre outras, motivou un aumento da conflictividade. E isto veu paralelamente a unha aposta do poder en se dotar de ferramentas e leis cunha intencionalidade clara: crear medo, que a xente o pense dúas veces antes de se mobilizar ou protestar. Queren que o temor a sancións e outras cousas leve a que deixemos de facer cousas.

Consideras que está o nacionalismo entre os obxectivos deste aumento das medidas sancionadoras e represivas?

Son medidas que van dirixidas contra todo o que se opoña a esta situación, que queira mudar as cousas. E son medidas que en especial van contra a mocidade galega e a mocidade nacionalista en particular.

Queren meternos medo, esa é a súa intención. De nós dependen que ese medo non calle. Non nos van asustar, iso témolo claro. Máis ben todo o contrario: imos seguir adiante con máis forzas e máis animos.