[ENTREVISTAs COVID-19] SANITARIO

Como vive a mocidade galega a crise da COVID19

Xosé, Médico Residente

Traballas ou estudas?

Tecnicamente ambas, son Médico Interno Residente (MIR) en Psiquiatría de primeiro ano, un contrato formativo para obter a devandita especialidade.

Estas teletraballando ou traballando no teu centro de traballo?

Actualmente manteño a atención sanitaria habitual en Psiquiatría, na unidade de hospitalización aguda, combinandoo con quendas no Servizo de Urxencias.

Como valoras o teletraballo, é un bo método que se debería implantar?

A forma en que se pode traducir “teletraballo” aos eidos de Medicina e Saúde mental probabelmente sexa como atención telefónica. Esta práctica, que se estaba comezando implantar no SERGAS para, por exemplo, receitas electrónicas, non debería substituír o contacto humano cos profesionais no traballo habitual nin supor un obsáculo para un sistema de Saúde Mental máis achegado, e no que tamén formen parte, as súas usuarias.

No teu centro de traballo aplicouse algún ERTE?

Non. A nível do SERGAS, como ten denunciado a CIG, estiveronse producindo prácticas de non prolongar certos contratos temporais en persoas caídas enfermas. A nível do Estado, e no que atinxe ás residentes, estase a ver como se prolongan os contratos formativos de residentes co obxectivo obvio de manter unha man de obra máis barata nesta situación de emerxencia sanitaria.

No teu centro de traballo respéctanse as medidas de seguridade requeridas polo estado de alarma?

Obviamente, no ámbito hospitalario, necesitase aplicar unhas estrictas medidas, asegurando as distancias e o material de protección, que probabelmente se veron retrasadas ou limitadas pola escaseza de materiais.

Cres que se tomaron as decisións correctas dende as institucións competentes?

Resulta rechamante o atraso co que se lle aconsellou á poboación usar medidas de protección por vía aérea -máscaras- e a falta de contención territorial, mantendo posturas sen rigor científico nin epidemiolóxico como ” o virus non ten fronteiras”.

Que perspectiva de futuro tes?

No ámbito sanitario, veremos, nos vindeiros meses, unha sobrecarga do Sistema Sanitario en relación directo coa a nulación de numerosas consultas, e dentro da Saúde Mental, en relación aos factores estresantes derivados da pandemia.

No ámbito político, a resposta da Unión Europea amosa, unha outra vez, o seu comportamento como unha unión de mercaderes na troca dunha unión dos pobos, realidade ben coñecida polo nacionalismo galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *