Resulta curioso comprobar como nas cidades galegas, como é o caso da Coruña ou de Vigo, o galego aparece e desaparece do discurso político e institucional como se fose un elemento máis na decoración, unha chaqueta que se coloca só cando poden sacar rédito político. Nas campañas electorais, nos actos oficiais ou nas datas sinaladas, os gobernos municipais lembran de súpeto que a única lingua propia do país existe e falan dela cun falso entusiasmo, mais no día a día, nas políticas reais, a presenza do galego segue a ser testemuñal.
A hipocrisía dos gobernos do PP, e do PSdeG, móstrase con claridade cando vemos que as webs municipais, os formularios administrativos ou os propios sinais continúan a estar dominados polo castelán (en especial, na cidade da Coruña). Mentres, o galego limítase a determinados ámbitos ou campañas culturais puntuais. O idioma convértese así nunha ferramenta simbólica, empregada para proxectar unha imaxe de compromiso coa identidade galega, mais sen vontade real de promover un uso normalizado en todos os ámbitos sociais das nosas vidas.
O caso é especialmente problemático nas cidades, onde máis falta fan verdadeiras políticas de normalización lingüística para garantir un futuro ao idioma. Se os propios concellos de cidades como Coruña ou Vigo non lideran con decisión a incorporación do galego en todos os espazos públicos, quen o vai facer? É contraditorio escoitar discursos que proclaman «amor pola lingua» e logo recibir unha multa de tráfico ou unha comunicación municipal unicamente en castelán, ou mesmo que os topónimos deturpados sexan a norma e non a excepción.
Cómpre denunciar que esta estratexia non é inocente: trátase de aparentar sensibilidade co galego para acalar críticas, ao tempo que se evita incomodar quen aínda percibe o idioma propio como unha imposición. Mais gobernar exixe valentía, e non se pode gobernar con coherencia cando o galego se usa só como recurso retórico, sen políticas lingüísticas efectivas que garantan a súa presenza en todos os niveis.
O futuro da lingua tamén se decide nas cidades, nos pequenos xestos cotiáns que consolidan hábitos. O que precisamos non son máis campañas publicitarias en galego, senón que as administracións dean exemplo: que a lingua estea en cada trámite, en cada cartel, en cada comunicación oficial, en cada rúa… Mentres non haxa esa coherencia, o discurso institucional seguirá a ser unha máscara que agocha, baixo a retórica do compromiso, unha fonda falta de vontade real.
