España é a nosa ruína

Que o Estado español nunca pasou por un proceso real de ruptura democrática co réxime franquista é algo que levamos anos denunciando e que hoxe, coa decisión do Tribunal Constitucional de paralizar a reforma da LOTC, vólvese demostrar. Máis unha vez, próbase que o modelo do estado español está pensado para estar ao servizo dunhas elites económicas, tendo como eixo central, si ou si, a súa unidade inapelable e a calquera custo.

A intromisión deste tribunal no poder lexislativo é completamente incompatible cun sistema democrático e demostra que a xustiza española é unha arma e último recurso para oporse a calquera avance que non se atope na axenda do poder político-económico, a pesares das maiorías parlamentares ou da vontade do poder lexislativo. A conformación do estado español é herdanza e nace das propias estruturas da ditadura franquista, con maxistradas que seguen de xeito moi estrito os mandatos da dereita, tamén herdeira desta ditadura.

Neste caso é a xustiza, mais o conxunto do Estado Español maniféstase antidemocrático e irreformábel. Só coa construción dunha República Galega totalmente democrática, xusta e soberana poderemos aspirar a ter unha sociedade mellor, unha sociedade en pé de igualdade onde os nosos dereitos individuais e colectivos fiquen garantidos.

Dende Galiza Nova rexeitamos por completo a actuación do tribunal constitucional, que atenta contra calquera tipo de valores democráticos, e animamos a toda a mocidade a denunciar este feito. Fronte á irreformabilidade do Estado español, conquistemos a República Galega.