As consecuencias da dependencia na mocidade galega

cartaz empregoA ninguén se lle escapa a inmensa precariedade que atinxe a mocidade galega, mais os datos “oficiais” que pechan o ano 2015 amosan unha realidade inmensamente demoledora:

  • O 92,61% dos contratos asinados na Galiza son temporais.
  • Galiza duplica a taxa da Unión Europea de desemprego xuvenil, e está entre os 40 territorios da Unión Europea con máis paro entre a mocidade, das máis de 400 rexións analizadas no documento do Eurostat (Oficina estatística da Unión Europea).
  • Na Galiza aumenta o desemprego mentres en España baixa: en decembro o número de desempregadas aumentou en 3.650 persoas a respeito de novembro. Mentres, no Estado español reduciuse en 55.790 persoas (Dados do Ministerio de Traballo).
  • Os salarios na Galiza seguen caendo e son os máis baixos do estado, mentres en España suben.
  • As galegas e galegos traballamos máis horas que a media española.
  • 110.815 persoas desempregadas na Galiza non cobran ningún tipo de prestación (o 51,8% do conxunto de desempregad@s).
  • O desemprego rexistrado continúa a atinxir máis as mulleres (121.894) que os homes (106.824).
  • 5 de cada dez persoas mozas na Galiza non teñen traballo, e as que o teñen perciben salarios que non lles garanten vivir dignamente.

Pola contra, Galiza é un país abundante, capaz de producir riqueza en todos os campos (somos o territorio que máis electricidade e enerxía produce, cos máis ricos sectores produtivos, potente industria, inmenso coñecemento e investigación e as universidade máis altamente recoñecidas, pioneiros en desenvolvemento de novas tecnoloxías…) mais toda a riqueza que xeramos tributa en Madrid e todos os nosos cartos van para alá, e aquí non miramos nin un can.

Por iso que Madrid nos rouba, chúchanos todo e enriquécese co noso traballo, mentres aquí non nos queda ren. Por iso reivindicamos a autodeterminación, é dicir a capacidade do noso pobo de decidir por si mesmo, onde o noso traballo e a nosa riqueza reverta sobre a propia Galiza, a súa mocidade e o pobo traballador galego, garantindo un país con igualdade, xustiza social, soberanía nacional e futuro para a súa mocidade.