Estudantes denuncian secuestro das comunicacións e bandeiras galegas enviadas por Galiza Nova

cartaz campañaGaliza Nova ven de recibir queixas de estudantes de centros de ensino que denuncian ter recibido aberta e con parte do contido secuestrado a comunicación que a nosa organización enviou á atención das e dos representantes de estudantes dos centros de ensino.

Galiza Nova enviou a semana pasada unha comunicación por correo postal a asociacións, representantes de estudantes de centros de ensino e grupos xuvenís presentando a nova campaña de análise e debate arredor das distintas problemáticas da mocidade galega e busca das alternativas necesarias.

Cónstanos que nalgúns centros de ensino a carta non só foi entregada ás e aos representantes de estudantes co sobre aberto pola dirección do centro, senón que parte do seu contido foi secuestrado. Nalgúns casos entregouse o sobre unicamente co cartaz da campaña e o colante, sendo secuestrado o material para o fomento do debate e do pensamento crítico, non sendo entregado o texto coas propostas e análises e a carta de presentación da campaña na que a nosa organización propón ao alumnado a realización de encontros abertos sobre as problemáticas da mocidade galega e as alternativas que precisamos, e ademais, boa parte destes sobres contiñan unha bandeira da Patria galega que en diversos casos tamén foi secuestrada. Noutros casos cónstanos que a comunicación nin sequeira foi entregada.

Ante estes feitos, queremos dirixirnos ás e aos estudantes dos centros onde vos foi secuestrada parte ou toda a comunicación para que contactedes con nós a través do correo nacional@galizanova.org para entregarvos en persoa os textos axitativos e presentarvos esta iniciativa que durante os vindeiros meses percorrerá as vilas e cidades galegas.

Propómosvos así mesmo que chegue tamén ás vosas amizades e compañeir@s de aulas a través de actos e asembleas abertas á mocidade para cuxa organización nos poñemos ao voso dispor.

Non á censura!