Mentres na Galiza celebrabamos o Día das Letras Galegas con multitude de actos e mesmo unha manifestación nacional en Compostela, a noite do 17 de maio tivo lugar en Basilea a final do Festival da Canción de Eurovisión. O estado xenocida de Israel, alén de asasinar centos de persoas inocentes en Gaza nas horas en que se desenvolveu o certame, ficou na segunda posición tras os máis que cuestionábeis 297 puntos obtidos do televoto. Malia o intento desesperado do lobby sionista por acadar a vitoria, o certo é que non poden silenciar unha maioría social que apoia a Palestina. Mesmo na propia actuación de Yuval foron despregadas bandeiras palestinas mentres se podía escoitar asubíos de rexeitamento á candidatura dos asasinos.
Cando a Unión Europea de Radiodifusión é increpada por permitir a participación do estado sionista alegan ser organizadores dun certame «apolítico» e que as delegacións vetadas até agora incumprían a normativa da organización. Mais non semellaban ter ningún tipo de problema co apoio público á Ucraína na edición do ano 2022, en que Rusia foi expulsada. Eurovisión sempre foi e será un evento político. A consecuencia de negalo é que o certame continúe a ser un espazo seguro para o branqueamento de réximes autoritarios, xenocidas e colonialistas.
Moita xente descoñece esta faceta do festival, a pesar de que un dos casos con maior repercusión non fica moi lonxe do noso país. Na segunda metade do século XX, tras a caída do fascismo na Europa occidental, o réxime franquista iniciou unha intensa campaña de lavado de imaxe co gallo de lexitimar o golpe de Estado de 1936. Eurovisión foi unha estratexia máis do ditador para promocionar a «España diferente» de Fraga, mais o único diferente eran os asasinatos a toda aquela xente que exercese o seu dereito á liberdade de expresión.
A participación de España en Eurovisión foi criticada por moitos polo que era: un intento de branquear as atrocidades do réxime. De feito, no ano 1964 un home subiu ao palco cunha faixa en que se podía ler «Boicote a Francisco Franco e Salazar» e, desde entón, TVE decidiu emitir o programa con 15 segundos de retraso para evitar «bochornos» como este.
Isto non foi un problema para Franco, pois após sete anos sen sequera achegarse ao podio, puxo toda a maquinaria do réxime a favor de gañar o certame. Ese 1968 escolleron entre os mellores selos discográficos do Estado o Manuel Serrat para representar España coa canción «La La La» escrita polo Dúo Dinámico. O equipo do ditador promocionou por toda a Europa a candidatura española en van, xa que dúas semanas antes de actuar no festival con sede en Londres, Serrat foi vetado de todos os espazos mediáticos do réxime e a súa candidatura cancelada. Todo polo delito de querer cantar a canción en catalán. O seu reemprazo foi Massiel, unha rapariga moderna que non tiña problema en cantar a canción en castelán. Malia atoparse nunha xira en México, a cantante foi repatriada de urxencia para cumprir a súa misión. Aquela noite de abril, o franquismo foi proclamado gañador da 13ª edición de Eurovisión. Moitas persoas aseguran que foi fraudulento e que Franco comprou votos mediante subornos e favores, talvez nunca coñeceremos a realidade tras a vitoria de España en 1968, mais o certo é que no ano 1969 o Teatro Real de Madrid foi sede do certame a pesar das tentativas da Austria por boicotear a edición.
Novamente, mentres o sangue das vítimas do réxime percorría as rúas do Estado nas protestas estudantís, España gañaba por segunda vez consecutiva o festival. Mais desta volta xunto cos Países Baixos, Reino Unido e Francia.
Podíamos supor que, co paso do tempo, a UER tería adquirido certa concienciación contra as inxustizas sociais e que tomaría medidas ao respecto. Certamente non o fixo, pois expulsaron a Rusia do certame tras o conflito coa Ucraína, ao tempo que permitían que Tel Aviv fose sede no ano 2019 ignorando as máis de sete décadas de ocupación e xenocidio ao pobo palestino, demostrando así ser máis fieis aos intereses do capital e dos Estados Unidos que á diversidade coa que tanto enchen a boca.
Israel leva participando desde o ano 1974 e saíu vitorioso até en catro ocasións. Sempre fixo uso do certame como medio para normalizar a colonización, como en 1979 en que a sede escollida para celebrar o festival foi Xerusalén co fin de lexitimar a ocupación da cidade. A vitoria máis recente do estado xenocida foi no ano 2018 cunha canción que, aínda que soe irónico, falaba do bullying. Como marca a tradición, ao ano seguinte o gañador foi anfitrión. Esa edición de 2019 en Tel Aviv foi a máis vergoñenta que lembro, non só fixeron un vídeo promocionando o certame no que aseguraban ser «moito máis que guerra e ocupación», senón que utilizaron a totalidade do programa para lexitimar o sionismo e censurar calquera opinión a favor de Palestina. Un exemplo son as famosas postais, pequenos vídeos en que se presentan as diferentes delegacións visitando o pais anfitrión. Nas postais dese ano, Israel mostrou territorios ocupados da Palestina e do Líbanos coma seus.
Xa daquela foi sancionada a delegación islandesa por mostrar bandeiras palestinas durante o televoto e Madonna fortemente criticada polo mesmo durante a súa actuación. Porén, a censura non fixo máis que medrar desde que o maior patrocinador de Eurovisión é Moroccanoil, unha empresa do estado israelí que vende produtos de beleza fabricados a partir de plantacións en territorio palestino ocupado, polo que xa podedes imaxinar o seu interese por esconder toda mostra de apoio á Palestina. Na edición de 2024, cando o xenocidio adquiriu relevancia mediática, Israel levou a Eden Golan como participante ignorando a maioría social que pedía a súa expulsión do certame. A UER pedía afastar a política de Eurovisión, obrigando a Bambi Thug (Irlanda) a eliminar as mensaxes de paz da súa actuación e expulsando o Joost Klein (Países Baixos) en estrañas circunstancias, mais permitindo á representante israelí presumir nunha rolda de prensa os seus plans de unirse ao exercito para matar nenas palestinas.
Se ben é certo que o veto a Israel de Eurovisión non vai frear a limpeza étnica que están a facer en Palestina, a non expulsión implica unha mostra máis de impunidade para os xenocidas. Non podemos permitir que Israel teña un espazo seguro para facer propaganda na televisión pública mentres converten Gaza no cemiterio máis grande do mundo. Polo que si que temos que expulsar a Israel de Eurovisión, do mesmo xeito que temos que exixir ao Estado español que corte toda relación diplomática e comercial co sionismo. Europa ten que aprender dos seus erros e emendar dunha vez a súa historia de impunidade cara aos réximes autoritarios e os estados xenocidas.