Logo das masivas manifestacións desta mañá, desde Galiza Nova queremos parabenizar ao estudantado galego polo éxito de Folga estudantil deste 26 de febreiro. Milleiros de estudantes participaron das mobilizacións que se produciron nas sete cidades galegas e en máis de vinte cabeceiras de comarca. Esta masiva mobilización, xunto ao seguimento da folga nun 75% no ensino medio e do 90% no universitario, amosan o amplo rexeitamento da mocidade galega á retrógrada reforma educativa do Partido Popular e á súa política de recortes e elitista, coa que pretenden pechar as portas do ensino ás mozas e mozos da Galiza.
Identificacións e abusos policiais en Vigo, Compostela e Cee e prohibición de manifestación en Melide.
A policía española realizou cacheos e abriu mochilas ás mozas e mozos que se achegaban á Paraza de América en Vigo para participaren da manifestación. Compañeiras de Galiza Nova que repartían información sobre a folga foron identificadas e intimidadas pola policía que as rodearon. Varios furgóns policiais e incluso un helicóptero vixiaban a manifestación de Vigo.
En Compostela varias persoas foron identificadas á súa chegada á Alameda.
En Cee foron identificadas todas as persoas que se concentraron ante a casa do Concello pola policía e a garda civil. E en Melide, o concello –a quen se lle notificou a concentración- enviou a Garda Civil contra as compañeiras e compañeiros de Galiza Nova nesta localidade, para lle impedir ao estudantado manifestarse. Aínda así, a concentración levouse a cabo grazas á fortaleza do estudantado.