Perto dun cento de mozas e mozos nacionalistas déronse cita os pasados 19, 20 e 21 de setembro no Condado para celebrar as XXV Xornadas da Mocidade Galega, as xornadas de formación que Galiza Nova celebra ao final de cada verán nunha comarca do país.
As mozas e mozos participantes foron recibidas o venres 19 na Entidade Local Menor de Queimadelos polo seu alcalde nacionalista, Manuel Portas, que estivo acompañado do Portavoz Municipal do BNG en Mondariz, Xosé Emilio Barros, a Responsábel Local do BNG, Anxos Carballo, e o Responsábel Comarcal de Galiza Nova, Santi Domínguez.
O alcalde pedáneo, Manuel Portas, mostrouse “enormemente satisfeito de que as mocidades do BNG escollesen a parroquia de Queimadelos como referencia das súas xornadas”, e tras visitar o Carballo da Armada e as mámoas de Queimadelos, as xornadas continuaron coa visita aos xardíns do Gran Hotel do Balneario, para aprender sobre a arte galega e arquitectura de inicios do s.XX e reivindicar os xardíns do entorno que concello e empresas queren destruír pro medio da especulación urbanística.
As xornadas remataron o seu primeiro día con música do país, festa e foliada en Queimadelos da que participaron veciñas e veciños do Condado, e a propia militancia e simpatizantes de Galiza Nova.
O sábado, coa presenza da Portavoz do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, as actividades continuaron
con diversas visitas, como ás pesqueiras da lamprea no río Miño, en Arbo, onde coñecimos de primeira man a problemática da Liña de Alta Tensión por medio da veciñanza afectada e do nacionalista Xabier Simón. Visitouse o museo da auga, nas Neves, onde tamén participaron nunha charla na que se destacaron os valores dos montes comunais. Ademais, as mocidades do BNG coñeceron in situ o Castro de Troña en Ponteareas, guiadas por Jhonathan Zúñiga, e puideron comprobar o estado de contaminación no que se atopa o río Tea, cun roteiro guiado por Miguel Bouzó, responsábel local de Galiza Nova en Ponteareas.
Dende Galiza Nova destacaron que “non podemos permitir que a incompetencia do PP acabe cun espazo natural como é o Tea, incluído na rede natura 2000 polo seu valor ambiental”.
O sábado clausurouse cun obradoiro feminista sobre micromachismos e analizáronse comportamentos sociais e linguaxe sexistas nun taller impartido por Lucía Veciño, Responsábel Nacional da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, e xusto despois comezou o concerto de rock galego a mans dun grupo rompedor e composto por novos valores: Liorta!
Para concluír as xornadas, durante a mañá do domingo as mozas e mozos participaron dunha palestra formativa sobre argumentos en defensa da soberanía de Galiza, impartida polo ex Secretario Xeral de Galiza Nova, Rubén Cela, na que tamén interveu o actual secretario xeral, Alberte Mera.
Galiza Nova considera un éxito as xornadas polo seu contido formativo, de lecer e sensibilización ambiental.