Fascismo: cousa do pasado?

Protesto Nazi en Charlottesville

A miúdo cando falamos de extrema-dereita ou “réximes fascistas”, asociamos esta conceptualización ás grandes ditaduras europeas do século XX e aos nomes de Mussolini, Hitler, Salazar e Franco. Pensamos tamén que as dúas primeiras quedaron derrotadas despois do 1945 e que as últimas se resolveron nos anos 70, coa Revolución dos Cravos ou a mal chamada Transición democrática do Estado español. Porén, hoxe en día xa non podemos pensar que os réximes fascistas están superados, debido á escalada das formacións de ultra-dereita e xenófobas dos últimos anos. Nos procesos electorais desde 2013 o apoio a estas forzas veuse incrementando en Europa.

En Francia, a Fronte Nacional liderada por Marine Le Pen está nun proceso gradual de ascenso. Nas últimas eleccións presidenciais de maio do 2017 vén de pasar á segunda volta, aínda que logo perdese contra o candidato Emmanuel Macron. A Fronte Nacional é coñecida polas súas ideas anti-inmigración e xenófobas, ata o punto de proxectar medidas que darían claras vantaxes laborais á cidadanía francesa fronte á poboación inmigrante.

En Austria e Alemaña a situación non é menos grave. Alternativa para Alemaña (AfD) acadou un notable éxito no proceso electoral de 2016, mentres que o goberno austríaco impuña controis fronteirizos para impedir o acceso, entre os que destaca a construción dun muro de arame de espiño. A ultradereita austríaca (FPÖ) foi subindo en porcentaxe de votos ao longo dos últimos anos e o seu líder, Norbert Hofer é coñecido por afirmacións tan graves coma que Austria ten que deixar de recibir persoas refuxiadas ou que o islam non forma parte da cultura austríaca e que polo tanto non tiña cabida no país.

Nas lexislativas de 2014, a ultradereita suíza obtivo o 28% dos votos despois dunha campaña marcada polo discurso xenófobo anti-inmigración. Tamén en Holanda a extrema-dereita promove a prohibición do Corán e o burka, onde o seu líder Geert WIlders fala en termos de que é preciso “limpar” Holanda de “marroquís”.

Por suposto, non se trata de casos illados. Sucede algo semellante en países coma Noruega e Finlandia, onde a ultradireita goberna en coligazón. Tamén se experimentou un ascenso da ultradereita en Dinamarca, Suecia e numerosos países do leste de Europa coma Hungría, Romanía, Eslovaquia, Polonia ou Bulgaria. Concretamente en Polonia o PiS tivo a maioría absoluta nas eleccións de 2015.

Estas forzas poñen a migración como a principal culpábel dos problemas en materia de emprego e servizos sociais, baseándose na falsa idea de que a chegada de inmigrantes empeora as condicións de vida da poboación dun país e usando o discurso do medo ao “terrorismo internacional”. Neste sentido, defenden a existencia de maiores controis fronteirizos e posiciónanse en contra das cotas de reparto entre os diferentes estados da UE e mostran unha clara falta de solidariedade coas loitas doutros pobos en situación de guerra.

Neste contexto a pregunta obvia é: por que está a ocorrer isto? Non tiñamos xa a lección aprendida? O certo é que a cuestión é moito máis complicada do que iso.

Acto de Amencer Dourado

Na raíz deste “auxe do fascismo” situamos en primeiro lugar as consecuencias sociais da crise económica e sistémica que vivimos nos últimos anos, onde cómpre destacar o empobrecemento e o desemprego masivos. Tamén observamos unha desafección política de amplos sectores da poboación, que deixaron de ver na política unha vía para solucionar os seus problemas.  Do mesmo xeito, a ausencia de políticas verdadeiramente alternativas por parte de forzas supostamente social-demócratas e de esquerdas, e a incapacidade destas forzas de captar e responder ao descontento xeneralizado tamén propiciaron que o discurso populista da extrema-dereita tivese tanto éxito e sexa apoiado por unha parte da poboación – a máis vulnerábel e afectada polas condicións económicas. Deste xeito, vemos con preocupación como forzas políticas que eran residuais gañan relevancia debido a esta tendencia á aceptación como válidos os ideais de extrema dereita.

Cando nos preguntamos se temos este perigo na Galiza, as perspectivas non son as mellores. Lembremos que a “transición” española non foi tal transición nin moito menos democrática, e que vivimos no Estado da “Lei Mordaza” que condena á prisión a persoas por faceren chistes sobre o fascista Carrero Blanco. Non hai garantías de que non xurda unha forza explicitamente fascista no Estado español, aínda que saibamos que o fascismo xa vai inserido no Partido Popular que nos goberna e nas súas políticas retrógradas e da dereita máis rancia.

No fondo, os réximes políticos fascistas son outra das formas que o sistema capitalista pode adoptar mediante o cal as clases dominantes conseguen impor o seu modelo económico. Hoxe, coa escalada de violencia a nivel mundial, o auxe do fascismo en Europa e a súa xustificación da xenofobia, e nesta Unión Europea que non soubo dar resposta aos problemas da clase traballadora, debemos ser máis firmes que nunca no noso rexeitamento do sistema capitalista e das políticas de extrema-dereita na nosa loita por unha Galiza ceibe e popular.

Artigo publicado no Mocidade nº43