Mulleres, ciencia e o perigo do retroceso. Artigo Icía Abraira

Icía Abraira

O pasado 11 de febreiro conmemorouse o Día da Nena e da Muller na Ciencia. Por moi necesarias e importantes que sexan as mensaxes divulgando e mostrando mulleres con carreiras exitosas no ámbito das ciencias e pondo en valor as súas contribucións, esta efeméride debe servirnos tamén para reflexionar: os últimos anos, as últimas décadas, foron de claro avance para a incorporación e posta en valor das mulleres no eido científico; como de afectada se verá esta dinámica co auxe dos discursos que cuestionan as políticas de igualdade? Como afectará á relación das nenas coa ciencia o feito de estaren tan expostas ao rexurdir da figura da muller como coidadora dedicada exclusivamente á familia?

Non partimos dunha situación para nada ideal, en disciplinas moi feminizadas, como enfermaría, 63 % dos artigos científicos teñen participación de mulleres como autoras. En áreas STEM, as porcentaxes baixan claramente: en matemáticas só 25 % dos artigos contan con autoras, en física e astronomía 30 %, e en ciencias da computación 29 %. Esta distribución, obviamente, non responde a que as mulleres teñan unha sorte de aversión innata aos números e aos computadores. A estrutura patriarcal leva as mulleres a dedicarse maioritariamente ás áreas do saber relacionadas cos coidados, e complica enormemente a súa incorporación á carreira investigadora.

Aínda que máis da metade das persoas que estudan grao, mestrado e doutoramento son mulleres, cando miramos quen traballa efectivamente como persoal investigador a súa presenza cae uns 10-15 puntos. A medida que se sobe na carreira académica, a presenza feminina vaise reducindo: nas categorías máis altas (cátedras universitarias) as mulleres representan arredor de 27 %. A carreira investigadora, sendo competitiva, inestábel e precaria como é actualmente, exclúe de forma sistemática aqueles colectivos máis vulnerábeis. Esta exclusión cébase especialmente coas mulleres, que teñen que enfrontarse á total ausencia de políticas de conciliación, á invisibilización e incluso ao acoso sexual (véxase o escándalo do buque oceanográfico «García del Cid» do CSIC).

Para pór fin a esta discriminación estrutural, son necesarias solucións tamén estruturais. Con todo, as políticas de igualdade, o traballo de divulgación e o recoñecemento das contribucións das mulleres á ciencia e os avances do feminismo foron provocando lixeiras mudanzas positivas na situación das mulleres respecto á investigación científica. Porén, encontrómonos nun momento de posta en cuestión de todo isto.

Nunha situación en que as forzas que apostan por eliminar toda política de igualdade están cada vez máis preto do poder, que pasará co acceso das mulleres aos niveis máis altos da carreira investigadora? Nun momento de persecución de calquera cousa minimamente parecida ao feminismo que se achegue aos centros de ensino, terán as nenas referentes de mulleres nos ámbitos científicos? Afectará a glorificación da muller como ama de casa submisa ao interese das rapazas por dedicarse á ciencia?

A resposta a estas preguntas pode ser desalentadora, mais tamén deixa moi claro o único camiño a seguir: plantarlle cara a quen nos quere devolver a tempos máis escuros, traballo colectivo para seguir avanzando e moito feminismo para deixarlles unha ciencia máis feita por nós e para nós a quen vén detrás.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *