O nacionalismo galego, como movemento político con máis dun século de historia, conta cun conxunto de ferramentas coas que desenvolver o seu traballo político diario e coas que loitar pola consecución dos seus obxectivos, tamén a nivel xuvenil. Así, a mocidade organizada na Galiza Nova, que asume, a día de hoxe, a honrosa responsabilidade de representar o nacionalismo galego a nivel xuvenil, debe ser consciente tanto destas ferramentas como das limitacións coas que conta en comparación con outros movementos políticos. Esta realidade implica tamén a necesidade de facer un uso intelixente de cada espazo político dispoñíbel, maximizando o impacto da nosa acción militante.
Galiza Nova e o nacionalismo galego non dispoñen do apoio dos grandes medios de comunicación, nin contan cun patrimonio económico suficiente que faga chegar a súa mensaxe a grandes masas da poboación. Son contestatarias do actual sistema, polo que nunca terán axuda deste. Por iso, historicamente, o principal altofalante do noso movemento e dos nosos ideais sempre foi a rúa. Desde as nosas orixes, o nacionalismo galego medrou organizando pobo e facéndoo partícipe da nosa causa. Este labor, sostido pola militancia nas rúas do país que, a base de axitación e proselitismo permitiu socializar a loita por unha Galiza dona de si. A rúa constitúe, ademais, un espazo de encontro e de construción colectiva no que se fortalecen os lazos comunitarios e se xera conciencia nacional. Ademais, nos últimos tempos, o campo de batalla das ideas estendeuse ás redes sociais, outra das ferramentas coas cales conta a Galiza Nova e nas cales se debe continuar a traballar con ímpeto e intelixencia para socializarmos a nosa mensaxe e as nosas propostas para o país. Neste novo escenario, resulta fundamental combater a desinformación e garantir a presenza dun discurso propio que conecte coa realidade da mocidade galega.
Existe, ademais, outro ámbito de actuación que, malia ser ás veces cuestionado, resulta proveitoso para o nacionalismo galego e xuvenil: as institucións. Non participar nelas é unha opción lexítima, facelo tamén o é. Galiza Nova é consciente tanto das súas limitacións como das súas potencialidades. Sabemos que estas institucións nacen dunha democracia burguesa que non garante unha representatividade plena, mais tamén son máis un espazo no que darmos a batalla política. Participarmos nelas non implica asumirmos os límites do sistema, senón utilizalas como ferramenta ao servizo do pobo galego. A presenza nas institucións (no Parlamento galego, nas corporacións municipais ou en calquera outro organismo) é útil e necesario, servindo como medio para visibilizarmos as demandas da mocidade e confrontar directamente quen nega a Galiza como nación e condena a súa xuventude á precariedade e á emigración. É por iso que participamos nas listas electorais da fronte patriótica que é o BNG, actuando como altofalantes da nosa causa; algo que seguiremos a facer aínda con máis forza (se posíbel for) nos próximos procesos electorais. Continuaremos a facer da Galiza Nova e do BNG organizacións políticas inconformistas, non homologábeis, que combinan con intelixencia e habilidade o traballo social e institucional e que se deben, única e exclusivamente a Galiza e ao pobo galego. Estar nas institucións non é un fin en si mesmo, senón un medio. Un medio para racharmos co actual status político da Galiza que nos nega como un territorio con dereitos acordes á nosa condición de nación. Un medio para avanzarmos na conquista de dereitos nacionais, mellorando as condicións de vida das mozas e mozos do noso país. Un medio para reforzarmos unha alternativa política propia. Un medio, en definitiva, para nos reafirmarmos na rebeldía que hoxe supón sermos galegas con conciencia de nación. Así, a acción institucional debe manter sempre unha ligazón directa co traballo de base, evitando a desconexión coa realidade social.
Desta maneira, a mocidade galega ten na Galiza Nova unha organización seria e responsábel, que é garante de entrega por este país. Unha organización que entende que o futuro da Galiza pasa pola implicación activa da súa mocidade na defensa dos seus dereitos colectivos. Seguiremos a levar, como vimos facendo, a voz de quen defende a Galiza de aldea en aldea, de parroquia en parroquia, de concello en concello e de comarca en comarca, combinando o traballo nas rúas e nas institucións. A nosa forza reside precisamente nesa capacidade de sumarmos esforzos e construírmos unha alternativa propia desde abaixo. Trocar anceios en realidades e ideas en feitos, depende de nós. Mudémolo todo, pola Galiza.
