Máis unha vez o estudantado galego colle forza e voz nas rúas da Galiza. Faino tras varios anos de empeoramento do noso ensino após a pandemia da Covid-19, cun ensino máis privatizado e desgaleguizado.
No ensino medio, malia ter deixado atrás leis lesivas como a LOMCE, o certo é que a LOMLOE, impulsada polo actual goberno de PSOE e Unidas Podemos, é completamente insuficiente na defensa do ensino público, pedagóxico e en galego. Mentres, a Xunta de Galiza continúa cos recortes en profesorado e recursos na escola pública.
Na Formación Profesional, o goberno do Estado converteu a FP Básica nun tipo de FP Dual, sendo esta última prexudicial na nosa formación e convertendo o alumnado en maior man de obra barata para as empresas. Mentres, a Xunta avanzou na privatización da FP subvencionando ofertas educativas concertadas e centros privados fronte aos recortes de oferta pública, especialmente nas nosas vilas.
Na Universidade, o goberno español aprobou a LOSU, unha lei que avanza na centralización e privatización, onde se iguala en dereitos a Universidade pública e privada. Mentres a Xunta nega a ampliación de prazas e mantén a precarización na pública, ABANCA creou a primeira universidade privada no noso País.
Por todo isto, e moito máis, desde Galiza Nova chamamos o estudantado galego a secundar a folga estudantil impulsada por Erguer. Estudantes da Galiza este 25 de Abril. Facémolo co convencemento de que a loita estudantil ten que facer retroceder o avanzo privatizador, desgaleguizador, colonial e antipedagóxico no conxunto do ensino galego.
É hora de avanzarmos cara unha Lei Galega de Educación cun modelo radicalmente alternativo, que der ao estudantado galego a posibilidade de se formar en galego, coñecendo a súa propia Historia e cultura, cunha aposta clara polo ensino público, pedagóxico, científico e non patriarcal. En definitiva, é hora de avanzarmos cara unha lei adaptada á nosa propia realidade, a realidade do estudantado e do pobo galego.
Desde Galiza Nova queremos construír un país con oportunidades no que os dereitos da mocidade estean totalmente garantidos. Para isto, pulamos por unha Galiza ceibe contra a explotación e pola liberdade do pobo galego.
Deixamosvos a continuadión o Lume, o noso voceiro de ensino medio, que preparamos con movito desta convocatoria de folga dende Erguer. Estudantes da Galiza: