O 19 de xuño a mocidade e o conxunto do pobo galego estamos chamadas a unha xornada de Folga Xeral convocada pola CIG. É necesario que neste día paralicemos a actividade produtiva e as aulas, e saiamos ás rúas para defender o noso dereito como mocidade galega a podermos vivir con dignidade traballando con dereitos na nosa propia terra.

Nos últimos anos, e baixo o pretexto da crise capitalista, asistimos aos maiores ataques contra as clases traballadoras e populares. Unha crise convertida en estafa e saqueo, para recortar dereitos, precarizar e empobrecer a maioría social. O resultado da crise e das políticas aplicadas pola dereita españolista, antes PSOE e agora PP, ten sido para as mozas galegas o empeoramento das nosas condicións de vida. E o que é máis grave, a nosa expulsión por millares á emigración por falla de oportunidades.

Na Galiza, as políticas centralistas que se nos impoñen tanto desde o Estado español como da Unión Europea agravan esta situación de emerxencia social. Levamos anos sufrindo un desmantelamento dos nosos sectores produtivos (naval, enerxético, leiteiro, pesca, forestal). As reformas laborais, que aumentaron os nosos niveis de explotación e facilitaron e abarataron o despedimento, provocaron tamén unha destrución brutal de emprego e empobreceron os salarios. Ademais, a reforma das pensións supuxo que teñamos que cotizar máis anos para acceder á pensión de xubilación máis baixas, penalizando especialmente ás mulleres con cargas familiares. Todo isto provoca que a mocidade da Galiza nos vexamos privadas de expectativas para establecermos o noso futuro e poñer en marcha un proxecto de vida na nosa propia terra.

As mozas galegas atopámonos tamén nunha situación de opresión pola nosa condición de mulleres. Enfrontámonos a un mercado laboral onde o noso acceso ao mesmo se ve enormemente dificultada, continuamos a padecer unha vergoñenta fenda salarial e os teitos de cristal evitan o noso desenvolvemento profesional.

O sindicalismo nacionalista convoca unha xornada de Folga Xeral tamén a xeito de moción de censura ao réxime político español. Un réxime podre e corrupto, herdeiro do franquismo, que reprime e recorta liberdades básicas, como a de expresión, o dereito á folga ou o dereito de autodeterminación dos pobos, condenando a prisión a traballadoras e traballadores por defender os seus dereitos, ou a tuiteiras, rapeiras por opinar, e que mantén presos políticos por permitir que o pobo se exprese democraticamente votando en referendos. Un aparello autoritario que nos censura nas rúas mediante unha noxenta xustiza patriarcal que só busca o beneficio daqueles que ostentan o Poder.

Nesta situación faise máis evidente do que nunca a imposibilidade de vivirmos con dignidade do noso traballo e na propia terra, baixo o xugo que como nación nos impoñen o Estado español e a Unión Europea. Estruturas irreformábeis, deseñadas e orientadas ao servizo dos intereses do grande capital. É por iso que como soberanistas acreditamos na conquista da independencia nacional para dispormos, como pobo, de capacidade política real para dirixir e definir as políticas económicas, sociais, industriais e laborais, orientando as enormes potencialidades do noso País ao servizo da maioría social galega.

Estamos a vivir un momento no que se incrementou o conflito social e a denuncia contra este réxime corrupto, no que as clases populares volvemos a ocupar as rúas en defensa dos nosos dereitos. Esta convocatoria de Folga Xeral é a nosa ferramenta para unir todas as loitas e rebelarnos contra este sistema que nos oprime como pobo e como nación. Sobran os motivos para dar un paso adiante e tomar a palabra, articular a nosa resposta mediante a mobilización social e o conflito: nas aulas, nas rúas, nos centros de traballo. Só así conseguiremos recuperar os dereitos roubados, conquistar novos e gañar o futuro.

Desde Galiza Nova chamamos á mocidade galega a secundar a Folga Xeral do 19X e a participar de maneira activa das mobilizacións convocadas pola CIG, co obxectivo de botar abaixo as reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións, a Lei mordaza e tantas medidas lesivas impostas polo PP, como paso indispensábel para avanzarmos na construción dunha Galiza ceibe e popular, libre de toda forma de explotación. Unha Galiza nova, na que a mocidade teñamos presente e futuro.

2 Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *