2 de outubro: Folga Estudantil

Unha vez máis, o estudantado galego ergue a súa voz e encherá as rúas da Galiza. Faino despois de anos en que as condicións de vida non deixaron de empeorar, cunha vivenda cada vez máis inaccesíbel e cunha precariedade que golpea con forza a mocidade.

A vivenda é un dereito fundamental para poder desenvolver unha vida digna e plena. No entanto, o estudantado galego e as clases populares teñen cada vez máis impedimentos para acceder a ela. A crise da vivenda na Galiza, marcada pola especulación e o aumento descontrolado dos prezos do alugueiro, está a expulsar as estudantes das cidades e a limitar gravemente o seu acceso á educación.

Desde Galiza Nova, consideramos que a situación actual da vivenda non é un feito illado, senón consecuencia directa do sistema capitalista neoliberal que nos obriga a vivir nunha sociedade onde a vivenda é considerada un negocio. Este sistema, promovido polos gobernos do estado español e da Xunta da Galiza, antepón os intereses da acumulación de capital fronte ao benestar das persoas, negando ás mozas galegas a posibilidade de construírmos un futuro no noso propio país.

Nesta situación regresiva para a mocidade estudante e traballadora, Galiza avanza cara a un modelo de turismo masivo que reforza a situación de dependencia do noso País. A turistificación promovida pola Xunta da Galiza, co apoio de políticas que favorecen os grandes propietarios e a especulación inmobiliaria, agrava esta crise e deixa o estudantado sen alternativas.

Por iso, desde Galiza Nova, apoiamos con firmeza a folga estudantil convocada por Erguer Estudantes da Galiza o vindeiro 2 de outubro. Non podemos permitir que a mocidade galega quede sen acceso á educación polo simple feito de non encontrar unha vivenda digna a un prezo asumíbel.

Reafirmamos, pois, a nosa aposta por un modelo de país en que os dereitos da mocidade estean garantidos, un país libre de explotación, onde a vivenda sexa un dereito e non un privilexio. Loitar polo dereito á vivenda é loitar polo futuro da nosa mocidade e do noso pobo.

O 2 de outubro sairemos ás rúas para exixirmos solucións reais e concretas a un problema que nos afecta a todas. Animamos o conxunto do estudantado galego a secundar esta folga, a mobilizarse e a defender o seu dereito a unha vivenda digna e a un ensino público e de calidade.

Viva a loita estudantil e viva Galiza ceibe!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *