Anxo Sánchez é enxeñeiro informático, mais coma a maioría da mocidade deste país atópase no desemprego. Conversamos con este compañeiro da comarca da Coruña que integra a candidatura do BNG-Asembleas Abertas ás vindeiras eleccións municipais de maio.
– Porque decidiches facer parte da lista electoral BNG-Asembleas abertas na Coruña?
Semella que é retórica mais coido que é tempo de implicármonos. Neste senso, a candidatura BNG-Asembleas abertas representa os intereses da mocidade galega. Por iso din o paso. Na Coruña fai falla botar dunha vez por todas ese caciquismo que sufrimos desde a era Paco Vázquez. Carlos Negreira non é máis que a representación do vazquismo noutro partido. Para botalo a única alternativa viábel, cun proxecto de país e de futuro é o BNG.
– Cal é a realidade da mocidade na túa cidade?
Non dista moito á das demais cidades galegas. A Coruña é unha cidade que ten moi pouca industria, cunha economía principalmente de servizos que se foi asentando no turismo. Hai perto de 22 mil persoas desempregadas, moitas delas, mozas. Neste contexto temos que nos comprometer.
– A cidade da Coruña focou moito a atención dos medios de comunicación nos últimos anos pola loita contra os desafiuzamentos. Eis o caso de Aurelia Rey, Elisabeth Sanlés ou o Ofimático. Cal é a posición do BNG en relación coa vivenda?
Partimos da idea de que a vivenda é un dereito e non un negocio de maneira que non se pode especular coa vida nen co teito das persoas. Desde o BNG sempre estivo aí como organización, man a man cos movementos sociais como Stop-Despexos. Por mor desa loita o compañeiro Xosé Manuel Carril foi multado polo contencioso-administrativo. Neste senso, no programa electoral inclúense varias propostas, concretamente vencelladas coa mocidade, á fin de que as persoas menores de 30 anos teñan acceso a unha vivenda de aluguer social.
– Comentas a sanción a Carril mais ti tamén cumpriches un arresto domiciliario por ter participado na pintada dun mural en defensa do dereito ao traballo digno e na Terra…
Foi un caso máis ao que se sumaron despois as multas contra os compañeiros da comarca que pintaron un mural en defensa do dereito ao aborto e tamén outros por un en lembranza de Pedro Galán-Calvete; compañeiros de Stop-Despexos Coruña tamén teñen cuantiosas multas. Coido que é unha constante do Partido Popular reprimir todos aqueles movementos de disidencia, antisistema e críticos co réxime. Nesa liña vai a Lei Mordaza recentemente aprobada e o conxunto de medidas de represión dirixidas a todos os movementos e persoas organizadas para dar resposta a un sistema que está a empobrecer á grande maioría mentres uns poucos acumulan cada vez máis riqueza. De aí as sancións económicas.
– Comentabas ao comezo que, a nivel económico, A Coruña aséntase no sector servizos. A túa cidade caracterízase en boa medida por unha forte presenza de centros comerciais. Fronte a ese modelo urbanístico de consumo, que cidade defende o Bloque?
Contra ese modelo de grandes espazos de consumo, de política de escaparate, que impulsou sempre o vazquismo, totalmente fracasado como reflicte o fechamento dalgúns dos centros construídos, o BNG o que propón desde os últimos tempos é unha cidade dos barrios e do mar. Unha Coruña viva que promova os barrios, desde o Birloque até os Castros, Monte Alto ou a Agra.Son estes espazos os que conforman a cidade embora careceren, moitas veces, de servizos básicoscomo o transporte. A política municipal debe centrarse na súa recuperación, nunha cidade para as persoas.
– Este domingo Queremos Galego convocou unha manifestación nacional en defensa da lingua. Que razóns darías ti para asistir?
As razóns continúan a ser, desgrazadamente, as que nos levan a dar os distintos gobernos nos últimos anos. Son as que nos fixeron encher o Obradoiro varias veces. A política que desenvolve o PP e que na Coruña executou historicamente o PSOE, ataca frontalmente o galego. Semella unha ladaíña mais é así. Desde o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez –un dos grandes verdugos da nosa lingua, até Feijóo, teñen unha teima por erradicar todo o que sone a galego. Pola nosa banda, temos que reivindicalo porque é a sociedade civil a que durante todos estes anos levou adiante as maiores mobilizacións a prol da lingua. Isto reflicte que á xente o galego impórtalle, fáleo ou non. Temos que estar aí para que o PP saiba que non pode arrasar con todo. Alí estaremos para dicir: Queremos Galego no ensino, no cinema, na imprensa…