Durante os vindeiros meses o goberno español vai realizar varios actos de propaganda imperialista en varias localidades da Galiza, entre as cales se atopan Noia, Lugo, Pontevedra, Ferrol e Marín. Dende o Ministerio de Defensa estanse a organizar xuras de bandeira española, actos que buscan unicamente exaltar o sentimento reaccionario e imperialista español na nosa nación, así coma os seus valores, fortemente vencellados ao militarismo, pois varias das xuras son organizadas en bases militares e precisamente polo Ministerio que se encarga do mesmo.
Coa única finalidade de realizar propaganda política, exaltando a sacrosanta unidade de España estanse a empregar cartos públicos de todas as galegas para estes actos. Con isto pretenden dende o poder contrarrestar os movementos de liberación nacional que loitamos pola liberdade dos nosos pobos dentro do estado español, normalizando unha bandeira que é sinónimo de represión, de recorte de liberdades, e do fascismo que a impuxo trala Guerra Civil.
Todo isto está a acontecer mentres a nosa bandeira é censurada a diario en acontecementos deportivos dende o poder, amosando que só é válida a bandeira que representa a clase dirixente española. Dende Galiza Nova rexeitamos este modo de proceder, por parte dun estado que pretende uniformizarnos a todas baixo os seus ditados e rexeitamos que se empreguen cartos públicos para a realización dunha propaganda política tan descarada ao mesmo tempo que se destinan os corpos do estado para censurar a bandeira da patria galega.