Galiza dí #STOPCETA

 

Desde Galiza Nova, sumámonos á Plataforma NON ao TTIP, CETA, TISA Galiza e animamos á mocidade galega e ao conxunto da sociedade a participar masivamente na concentración convocada en Vigo no MARCO este sábado 21 de xaneiro ás 12h. Está acción está enmarcada nas accións descentralizadas en toda Europa contra o CETA e os tratados de libre comercio que negocia o Parlamento Europeo as costas da sociedade.

O Tratado Económico e Comercial entre a Unión Europea e Canadá, (CETA polas súas siglas en inglés), atópase na fase final do seu proceso de ratificación en Bruxelas. O CETA estivo a piques de quedar bloqueado no Consello Europeo pola negativa do Parlamento da rexión belga de Valonia a dar o visto bo á súa aprobación, pero finalmente as numerosas presións internacionais forzaron ao Parlamento de Valonia a aceptar o tratado.

O próximo 24 de xaneiro o CETA será votado na Comisión de Comercio Internacional (INTA) do Parlamento Europeo; nesta fase do proceso, a última antes da súa aplicación provisional, o acordo na súa totalidade (sen posibilidade de engadir emendas) será votado no pleno do Parlamento Europeo,nos primeiros días de febreiro. En caso de ser ratificado, amplas seccións do tratado comezarían a aplicarse provisionalmente, de xeito previo á ratificación final por parte dos distintos parlamentos nacionais.

O CETA foi cuestionado por amplos sectores da sociedade , tanto en Europa como en Canadá por non ofrecer garantías respecto da protección do medio ambiente e os dereitos fundamentais das persoas. Na Unión Europea, máis de 3,5 millóns de persoas asinaron unha petición en contra do CETA e o seu tratado xemelgo, o TTIP, que negocian Estados Unidos e a Unión Europea. A pesar de que varios anexos e “declaracións interpretativas” foron engadidas ao CETA a posteriori para tratar de sumar apoios, estes textos non modifican substancialmente o acordo, que continúa presentando numerosos problemas:

  • O CETA autorizaría a miles de corporacións a demandar aos gobernos por adoptar medidas lexítimas e non discriminatorias para a protección da poboación e do planeta a través dun sistema de resolución de conflitos investidora-estado (ICS) de acceso exclusivo ás investidoras estranxeiras. Un auténtico sistema legal paralelo ao que as corporacións poden acudir para defender os seus dereitos eludindo os tribunais existentes, e ao que nin as organizacións da sociedade civil nin as empresas nacionais teñen acceso.

  • Nun neto contraste cos dereitos das corporacións, as provisións do CETA en canto a dereitos laborais e desenvolvemento sustentable non poden ser efectivamente reforzadas mediante sancións e quedan en declaracións ocas que non equilibran outros capítulos do tratado que afectan os dereitos dxs traballadorxs ou a protección do ambiente.
  • O CETA limita seriamente a capacidade dos gobernos para crear, expandir e regular os servizos públicos e para reverter liberalizacións e privatizacións fracasadas.
  • O CETA fai que Canadá e a Unión Europea sexan máis vulnerables ás crises financeiras posto que se producirá unha maior liberalización dos mercados financeiros.
  • Un estudo independente dos impactos económicos do CETA predí que se perderán postos de traballo tanto na Unión Europea como en Canadá, e que os pequenos beneficios do tratado serán fundamentalmente para xs donxs do capital, co consecuente aumento da desigualdade.
  • O CETA podería aumentar o custo das prescricións de medicamentos e impactaría negativamente en dereitos fundamentales como o dereito á privacidade e á protección de datos. Tamén limitaría a capacidade tanto da Unión Europea como de Canadá de actuar contra patentes excesivas.
  • As normas do CETA en canto a cooperación reguladora e ás regulacións nacionais porán obstáculos adicionais ás regulacións e reforzarán o papel dxs lobbistas corporativos nos procesos de elaboración das políticas, socavando potencialmente a adopción de políticas de interese público.
  • En ambos os lados do Atlántico, o CETA exporía axs agricultorxs a unhas presións competitivas que minarían o seu modo de vida,obstruiría as políticas de compra pública de alimentos locais, e ameazaría os estándares de produción e procesamento de alimentos, facendo imposible o desenvolvemento dunha agricultura sustentable.
  • As medidas de precaución para protexer axs consumidorxs, á saúde pública e ao medio ambiente poden ser postas en cuestión polo CETA, xa que nin no texto nin nas declaracións anexas protéxese explicitamente o do principio de precaución na política regulamentaria europea.

Por estes motivos, as organizacións que formamos parte da campaña NON ao TTIP, CETA, TISA Galiza convocamos a sociedade galega a mobilizarse este 21 de xaneiro; mostramos o noso rotundo rexeitamento a este acordo comercial, e cominamos ao Parlamento Europeo, ao Parlamento canadense e aos parlamentos nacionais, provinciais e rexionais, que teñen voz e voto no proceso de ratificación, a defender os dereitos e os intereses das poboacións que representan contra as ameazas que implica o CETA, votando en contra da ratificación do tratado.

Os intereses comerciais non poden estar por enriba da democracia, os dereitos das persoas e do planeta. Por iso dicimos:

Non ao CETA! !Non ao TTIP! Non ao TISA!