Galiza non ten rei!

A monarquía española leva dende hai séculos oprimindo a Galiza, estabelecéndose unha continuidade dende os Reis Católicos até o día de hoxe. É por iso que nesa data rexeitamos o discurso televisado de Filipe de Borbón e todo o que representa a institución anacrónica da monarquía española.

Aínda que se tente facer un lavado de cara coa monarquía actual, non esquecemos que provén dende lonxe dunha historia de espolio colonial e violencia e dende máis preto da ditadura franquista, que deixou como sucesor ao pai do actual rei. Isto móstrase cando se cumpre apenas un ano do discurso de Felipe VI no que deslexitimou a vontade do pobo catalán sobre o seu dereito a independizarse e cando se sitúa coma o máximo garante da “unidade de España”.

Dende Galiza Nova consideramos que este é un réxime totalmente inxusto, que mantén á súa cabeza unha institución totalmente anacrónica e que nos condena á dependencia do estado español. A nosa dependencia é a causante de ter os salarios máis baixos, de que non poidamos expresarnos libremente na nosa lingua, de que as mozas galegas non poidamos ter proxectos de vida dignos e en definitiva de que as nosas condicións de vida sexan peores. Para rachar con ela en Galiza Nova apostamos por un ano 2019 no que continuemos na loita pola nosa liberdade, para o que é necesario a constitución da República Galega.

GALIZA NON TEN REI!