Mobilízate o vindeiro 24 de outubro e participa da folga no ensino público galego contra o modelo educativo do Partido Popular e nomeadamente contra a nova reforma educativa, xa coñecida como a Lei da Wertgoña.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que a nosa organización forma parte, vén de convocar esta mañá folga no ensino público galego para o vindeiro 24 de outubro, co obxectivo de frear a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). O goberno de Rajoy pretende impor mediante esta reforma educativa un ensino máis españolizado e no que se exclúa o galego das aulas, ao tempo que quere acabar co ensino público, universal e gratuíto; favorecer o ensino privado-concertado e reforzar a presenza da relixión católica nas aulas.
A Lei Wert supón un auténtico regreso ao modelo educativo do franquismo e, xunto aos recortes no ensino que o Partido Popular realiza desde os gobernos galego e central, só se busca liquidar o ensino público galego como dereito de tod@s a unha formación de calidade.
Desde Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, levamos moito tempo mobilizándonos na defensa dos nosos dereitos e do ensino público galego. Por iso chamamos á mocidade galega a mobilizarse o próximo 24 de outubro.