Galiza Nova chama a loitar contra a LGTBIfobia e a defender as liberdades sexuais na Galiza e Europa

lgtbi 1

Ante a invisibilidade e discriminación que continúan a padecer as persoas mozas LGTBI, presentamos xunto a Ana Miranda, candidata do BNG ao Parlamento Europeo, unha mostra das máis de 40 fotografías coas que mozas e mozos participarán nunha exposición itinerante e que a nosa organización porá en marcha nos vindeiros días.

“Non é casual que elixíramos como lugar da nosa protesta este espazo diante da Sede do Arcebispado en Santiago para dicirlle á Igrexa e ao PP que non van reprimir os dereitos e liberdades sexuais da mocidade galega”, subliñou Alberte Mera, Secretario Xeral de Galiza Nova, tras explicar a “dura realidade da discriminación con cifras tan crúas como as que indican que un 40% da mocidade LGTBI declara ter realizado polo menos unha tentativa de suicidio”.

Ana Miranda: “As liberdades sexuais e reprodutivas deben ser protexidas ante gobernos retrógrados”

“As liberdades sexuais e reprodutivas deben ser protexidas ante gobernos retrógrados e como eurodeputada formei parte do Intergrupo LGTBI da Eurocámara para canalizar as iniciativas do BNG a prol dos dereitos deste colectivo tamén no Parlamento Europeo”, explicou Ana Miranda.

Presentación da exposición fotográfica Galiza-LGTBI

IMG-20140326-WA0003~2

A exposición organizada pola comisión de liberdades sexuais de Galiza Nova estará a disposición de institutos, universidades e espazos culturais e pretende amosar visualmente a normalidade de quen desfruta da sexualidade con quen desexa. Mediante estas imaxes queremos transmitir á mocidade que padeza situacións de discriminación que somos moitas e moitos quen estamos a traballar para superar os preconceptos e a marxinación e que poden contar tanto con Galiza Nova como coas entidades de defensa das liberdades sexuais para atoparen asesoramento e apoio.

Homologar dereitos na UE

Ana Miranda anunciou que o BNG vai solicitar no Parlamento Europeo que se garanta o recoñecemento entre os Estados da UE das disposicións normativas sobre cohabitación, parellas de feito ou matrimonios de persoas do mesmo sexo, e que se introduzan procedementos legais de recoñecemento de xénero por cambio de sexo e se eliminen as restricións para a libre circulación dentro da UE, con casos frecuentes en compañía aéreas.
A candidata do BNG ao Parlamento Europeo fixo fincapé na necesidade de “homologar” os dereitos deste colectivo dentro da UE e tamén os delitos con sentenza, de tal xeito que, por exemplo, se alguén está condenado por homofobia figure como tal nos antecedentes penais en calquera outro estado membro.

lgtbi 2

O BNG defenderá en Europa que a Organización Mundial da Saúde (OMS) elimine o que denomina “identificación de trastornos de identidade de xénero” da lista de trastornos mentais, na Clasificación Internacional de Doenzas.
Unha de cada dúas persoas LGTBI en Europa síntese discriminada ou acosada pola súa orientación sexual, unha de cada tres foi discriminada no acceso a bens e servizos, unha de cada catro foi fisicamente atacada e unha de cada cinco foi discriminada no emprego.

Galiza Nova chama á mocidade galega a loitar pola consecución das liberdades sexuais para acadar a igualdade real no mundo enteiro, contra a discriminación e o ascenso da LGTBIfobia e da ultradereita que exerce a violencia contra as persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais na Galiza e en toda Europa.