Galiza Nova chama a rachar a constitución para crear unha GZ con futuro para a mocidade

Reivindicamos este xoves desde Ourense a independencia da nosa nación nun acto de denuncia perante a conmemoración da Constitución española. O sistema español está profundamente corrompido, e que, ademais, a súa Constitución é amparo legal das accións máis socialmente inxustas que estamos a padecer (como é o caso dunha media de 7 desafiuzamentos diarios na Galiza) e por negar a soberanía do pobo galego e a lexítima capacidade de decisión do mesmo, configurándose como cárcere dos pobos.

Unha bandeira da Galiza de máis de 80 metros cadrados foi pendurada da Ponte Romana de Ourense sobre a cal, mozas e mozos da organización xuvenil do BNG, realizaron un mosaico de letras formando a palabra INDEPENDENCIA.

_DSC0425

O secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, afirmou que “reclamamos a independencia de Galiza para sermos quen de poder destinar os nosos recursos económicos á creación de emprego, sexa ou non do agrado de Madrid ou Bruxelas. Declarámonos insubmisas aos seus vetos” para, como resaltou Mera, “podermos recuperar as máis de 100 000 persoas mozas que, dende a chegada de Feijoo á Xunta, tiveron que emigrar do noso País”.

Independencia para mudalo todo!

Susana García, concelleira do BNG en Ourense e candidata á alcaldía da cidade, animou ás mozas e mozos que se xuntaron esta tarde no acto de Galiza Nova a rebelarse contra un sistema que os queres escrav@s. “É preciso que vós, a mocidade concienciada do País, reaxa. Unha mocidade formada e combativa, que só nunha Galiza con capacidade para decidir por si mesma, poderá ter futuro. Loitemos xuntos por iso!” afirmou Susana García.

Desde Galiza Nova denuncian que a Constitución española non serve para defender os dereitos sociais, senón todo o contrario, pois en palabras do Responsábel Comarcal das mocidades do BNG en Ourense, Fabián Freixedo, “é un obstáculo para solucionar as problemáticas que padece o pobo galego, pois sen soberanía non poderemos decidir nunca rematar cos vetos de España e da Unión Europea que impiden á mocidade traballar na investigación, no rural ou mesmo na construción naval”.

Así mesmo, Galiza Nova considera que “a Constitución española non é reformábel, pois é filla dos que se alzaron no 1936” (en alusión aos membros da Falanxe que logo foron redactores da Constitución) e cuxo legado continuaron PSOE e PP, “pactando nos últimos anos, por exemplo, o artigo 135 da Constitución, aprobado sen consulta popular, para satisfacer os intereses dos oligopolios e cargar ao pobo coa débeda do capital financeiro”, afirmou Freixedo.

Por iso, dende Galiza Nova chamamos á mocidade galega a rachar coa Constitución española e a crear un novo marco xurídico e social na Galiza, xusto, solidario, que emane das galegas e dos galegos e que estea ao servizo da mocidade e do pobo.

Susana García pechou o acto de Galiza Nova lembrando ao histórico nacionalista Francisco Carballo, que faleceu o pasado domingo. “Como dicía Francisco Carballo, somos un pobo alegre que sabe superar as dificultades: resiste, busca, aguanta, é quen máis ordea. O futuro está nas nosas mans. A marcha liberadora pode ser longa pero é inevitábel”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *