Perante a suspensión da Lei de consultas catalá e do decreto de convocatoria do referendo de autodeterminacion, Galiza Nova quere amosar o seu apoio ao proceso independentista de Catalunya e a súa solidariedade coa maré cidadá que pula polo dereito a decidir do pobo catalán.
Coa súa actitude, o Estado español está a pór de manifesto a súa natureza antidemocrática, ao tempo que o seu propio fracaso e decadencia. A prohibición dun dereito fundamental –o exercicio á libre determinación dos pobos– evidencia, máis unha vez, o esgotamento do actual marco xurídico-político español e a urxencia de iniciar un proceso de ruptura democrática que virá, inescusabelmente, da man das nacións sen estado que, como a nosa, loitan por un futuro de seu.
Ningunha orde do Tribunal Constitucional nen recurso do Goberno español poderá parar a vontade dos pobos que reclaman o seu dereito a ser e a existir democraticamente. Por iso, secundamos as concentracións convocadas pola Plataforma Galiza con Catalunya para este martes e animamos a toda a mocidade e o conxunto da sociedade deste país a se sumar a elas.
Votar é democracia. Un goberno que non defende este dereito e, á vez, retalla outros, non ten lexitimidade para gobernar. E cando o malgoberno é un feito, desobedecer é un dereito.
Ara és l’hora!