Galiza Nova contra a criminalización da mocidade

Ao longo das últimas semanas desde o goberno da Xunta estase a realizar unha clara campaña de criminalización da mocidade. Ante unha situación que é, certamente, preocupante, a única explicacicón do aumento de casos que nos ofrecen desde a Xunta é que o aumento de casos se debe á falta de responsabilidade do estudantado, nomeadamente o estudantado universitario. Viuse claramente cando Feijoo acusou ao estudantado de ser o responsábel da situación da cidade de Compostela, afirmando que as medidas tomadas serán “en función da actitude do estudantado”. 

Deste xeito, no ámbito local, o alcalde de Compostela insiste en culpabilizar e mesmo criminalizar o estudantado polo aumento de casos no lugar de recoñecer as fontes principais de contaxios na actualidade (reunións familiares, ausencia de medidas nos postos de traballo, o inicio do curso escolar en todos os niveis, o descoido dos consumidores en bares e restaurantes, etc.). Por outra banda, existe unha práctica ausencia de alternativas de ocio saudábeis para a mocidade por parte do goberno local, de maneira que as mozas non teñen alternativas reais para socializar e divertirse que non sexan as pequenas reunións en pisos universitarios.  Unha vez máis, tanto PP como PSOE únense na criminalización da xente moza (sucedía o mesmo coa criminalización do botellón) no lugar de ofrecer alternativas de ocio saudábeis e seguras que evitarían este problema.

Cabe sinalar que a mocidade estudante non é o principal foco de contaxios da actualidade, polo que se está usando unha relativamente pequena porcentaxe dos contaxios para explicar esta nova subida dos casos de COVID, polo que están tomando a parte polo todo no lugar de ofrecer información fiable de onde se produce o esparexemento do virus. Deste xeito, o contaxio entre a comunidade universitaria a día 13 de Outubro é de 20 contaxios entre 20.000 estudantes da USC en Compostela segundo a propia reitoria.  Estas cifras non explican que áreas adxacentes ás cidades galegas, como poden ser Ames, Narón ou Arteixo, reporten os mesmos niveis de alerta que Compostela, pois son áreas con moita menor poboación moza e estudante. 

En canto á xestión ás condutas pouco responsábeis que se poidan observar entre a xente moza, a única resposta por parte da Xunta é a da sanción directa, ao mesmo tempo que observamos unha nula intención por parte do goberno de incidir en campañas de sensibilización para optar pola vía preventiva, o cal contribúe á mencionada criminalización do estudantado ante esta situación. 

Desde o comezo desta crise vemos como hai dúas constantes que se repiten e que marcan a liña a seguir na actuación da Xunta: economicismo e despreocupación pola saúde da clase traballadora. Como tiñamos previsto, esta crise está exacerbando o modelo neoliberal que soportamos. A Xunta prima o benificio ecónomico duns poucos á saúde da clase traballadora, obviando as circunstancias pandémicas no transporte urbano ou nos centros de traballo, mais castigándoa excesivamente no acceso a cultura, ocio, deporte, asociacionismo ou outras actividades que non impliquen consumir. Soportamos un transporte público vergoñosamente ateigado, casas de apostas cun estatus especial que lles permite abrir á noite e con menor limitación de aforo e unha volta ás aulas desastrosa e insegura. Este é o modelo da Xunta. 

Ante a falta de alternativas seguras de ocio para a mocidade, esta vese obrigada a reproducir o modelo de ocio pre-covid, consistente no consumo, neste caso, de alcol. Semella que, mentres haxa rédito económico, a saúde é secundaria, polo que está aceptado que a poboación consuma alcol nos locais de hostelaría, a miúdo descoidando as medidas de seguranza. Mentres, óptase pola vía de censurar totalmente que a xente moza se reúna en pequenos grupos nos pisos, alternativa que moitas mozas, polo empeoramento da situación económica dunha gran parte do estudantado, é a única vía posíbel que teñen de ocio. 

Sen ánimo de censurar á hostalaría, que certamente está pasando por uns momentos difíciles, é inasumíbel que desde os gobernos da Xunta e o Concello de Santiago non se ofreza á mocidade opcións de ocio que non pasen polo consumo de alcohol en bares e restaurantes, para logo acusar a xente moza de irresponsábel ante un aumento de casos que debe ser analizado máis polo miúdo. 

Desde Galiza Nova denunciamos esta práctica sistémica e populista así como o cinismo e pésima xestión da Xunta, que mentres carga contra a mocidade e estudantado compostelán deixa a Bertamiráns sen atención médica e sen profesionais sanitarios nun momento de máximo nivel de alerta Covid ou elimina servizos de compatibilidade laboral nas escolas facendo que crianzas fiquen con outros familiares, frecuentemente pertencentes aos grupos de risco.  Nesta situación, semella difícil a contención e control dunha pandemia. 

Por todo iso, como mocidade organizada en Galiza Nova, queremos reivindicar o dereito a uns servizos públicos de calidade e facemos latente a nosa defensa ao dereito ao lecer da xuventude. 

Non á criminalización da mocidade!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *