Galiza Nova denuncia en Bruxelas a precariedade laboral da mocidade

cszhawywgaailrnUnha delegación de Galiza Nova denunciou en Bruxelas a situación da precariedade laboral e o éxodo da mocidade galega, que supera as 100.000 persoas mozas emigradas durante a era Feixóo.

Lucía Veciño e Paulo Ríos, da Dirección Nacional de Galiza Nova, abriron os ollos a responsábeis de emprego e asuntos sociais do executivo comunitario, nunha xuntanza organizada polo BNG con Ana Miranda e na que tamén participaron representantes de colectivos sociais e sindicais que loitan contra a pobreza e a precariedade en Galiza.

Intervención de Lucía Veciño perante o executivo da Unión Europea:

Pobreza, exclusión social e precariedade laboral das mozas e mozos de Galiza.

14393970_1115234701879306_1160088675_oEn Galiza, dende o 2012 descendeu o número de menores de 35 anos en máis de 100.000 mozos e mozas (de 952.937 no 2012 a 848.764 no 2016). Todas esas persoas que faltan están na emigración. Hai máis de 100.000 mozos e mozas que colleron as maletas para buscar un futuro que a Galiza gobernada por Núñez Feijóo lles nega. Estes datos dramáticos son un claro indicador da marcha da nosa economía. O descenso prodúcese nas 53 comarcas que forman o país e en absoluto é un fenómeno que afecte exclusivamente ás zonas rurais ou aos concellos pequenos. As cidades e as comarcas urbanas tamén se ven afectadas. De feito, resulta particularmente preocupante a situación de Ferrolterra, que perdeu case 8 mil persoas dende o 2009 (un 13%), ou o de Vigo, con 21 mil menos (un 12,5%). O mesmo sucede en comarcas importantes e cunha innegable vitalidade, coma O Morrazo (12,37%), Barbanza (-11,3%) ou O Salnés (-10,5%).

As sucesivas reformas laborais cebaronse coa mocidade galega, xa que reforzaron o papel das Empresas de Traballo Temporal (ETT), permitindo o encadeamento de contratos laborais e abaratamento do despido. O novo contrato de formación permite que ata os 32 anos se perciba apenas o 75% do Salario Mínimo Interprofesional. Baixo o eufemismo de prácticas non laborais, a mocidade galega traballamos sen contrato e sen dereito a desemprego de 3 a 9 meses.

Os contratos de aprendizaxe e formación coma os contratos en prácticas inclúen salarios que non permiten a mocidade ser economicamente independentes. “Tan só repercute en benficios fiscais para as empresas por parte do estado, que lles cubren unha redución do 50% da cota á Seguridade Social polo contrato”. Alén disto, se os contratos son asinados con empresas beneficiarias do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil a empresa ten unha bonificación dos impostos á Seguridade Social dun 50% adicional.
Con este tipo de contratos de bolsas, por medio das universidades, moitas empresas incumpren as bases da convocatoria e contratan traballadoras/es a custo cero para cubriren baixas ou vacacións de persoas empregadas. A isto hai que sumarlle que a temporalidade nas novas contratacións atinxe o 97% e que perto de un de cada tres mozas e mozos que teñen emprego traballan a tempo parcial (31,75%).
Cando falamos de emigración xuvenil, non só reclamamos a volta de todas as persoas que se viron obrigadas a emigrar, senón que tamén reclamamos a paralización de programas da Xunta de Galiza que están a fomentar a fuga de mocidade, como é o Galeuropa, no que o goberno galego abre concurso para mocidade traballar de balde para empresas doutros países da Unión Europea. O plan xuvenil Galeuropa é un falso programa de axudas coa finalidade da realización de prácticas formativas non remuneradas en entidades/empresas público ou privadas de países europeos.

Cando falamos de emigración, falamos dunha boa parte da mocidade galega que está no estranxeiro, que carece de cobertura e protección social por mor da temporalidade e da tipoloxía dos contratos e só 15 destes tipos de contratos cumpren cos requisitos para acceder a unha prestación por desemprego. Unha porcentaxe moi elevada desta mocidade carecen de asistencia sanitaria durante toda a súa estancia no estranxeiro, dependen da cobertura dos seus pais e nais, ou teñen que solicitar a tarxeta para persoas sen recursos. Atopámonos ademais con que o grupo de idade que se atopa nesta situación máis numeroso é o que está entre os 25 a 29 anos, correspondendo coa princiapl idade das persoas que están chegando aos seus países receptores.

Trátase dunha emigración que non ten ningunha semellanza coa de épocas anteriores, cando marchaba a poboación menos cualificada, por un tempo determinado, no cal aforraba o máximo posíbel e enviaba divisas para as familias ou o país. Hoxe non é iso; marcha xente preparada para vivir fóra, onde atopa unhas condicións laborais en moitos casos non mellores, pero que na súa mente non está aforrar e volver aquí, senón sobrevivir onde as condicións llo permitan mínimamente.

En Galiza Nova e no BNG entendemos que un país bo para traballar é aquel país que é capaz de xerar postos de traballo para a súa poboación, e que garante que eses traballos son dignos, estábeis, con dereitos e xustamente remunerados, traballos que permitan que a mocidade galega poida ser independente economicamente e teña futuro na terra.

A alternativa do BNG consiste en aproveitar as potencialidades de Galiza, apostar pola innovación, duplicando o investimento en I+D+i, apostando para que o noso tecido produtivo teña crédito para levar a termo os seus proxectos de investimento. Innovando naqueles campos e especializacións que máis directamente contribúen a reforzar as nosas capacidades produtivas, nas que Galiza pode encontrar un maior potencial de competitividade. Por iso, queremos medidas para que o aforro galego deixe de emigrar e se traduza en crédito e investimento en Galiza a través dunha Banca Pública Galega. A maiores das medidas xerais que impulsarán o dinamismo da economía galega, é preciso actuar de inmediato, para que as mozas e mozos galegos teñan traballo digno na nosa terra, acorde co seu nivel formativo, e para aproveitar o investimento que supón ter a xeración mellor formada da historia e que reverta na prosperidade da nosa nación.

É por iso, que Galiza Nova e o BNG crearon un plan específico, dirixido a fomentar as condicións necesarias que permitan a volta a Galiza das persoas emigradas, particularmente os mozos e mozas menores de 35 anos: Un programa que se Elaborarará -con participación social e sectorial- un conxunto de medidas dirixidas á volta da nosa mocidade emigrada para traballar en Galiza, con medidas tanto específicas como transversais aos sectores a reactivar para favorecermos a recuperación da nosa xuventude emigrada. Así, as medidas comprenderán axudas directas a empresas que contraten a galegos/as que retornan, con especial atención ao retorno de investigadoras/es e tecnólogas/os emigrados, un programa de bolsas para a ampliación de estudos e un fondo de vivendas en aluguer, que terán entre os seus destinatarios prioritarios as persoas retornadas.