Galiza Nova e JCP manteñen un encontro de traballo

Delegacións de Galiza Nova e JCP manteñen un encontro na cidade de Porto

No día de onte unha delegación da Comisión Permanente de Galiza Nova mantivo un encontro bilateral de traballo coa Dirección Nacional da Juventude Comunista Portuguesa (mocidades do Partido Comunista Portugués) na súa sede na cidade do Porto.

Nesta xuntanza puxéronse en común as análises sobre a situación da mocidade galega e portuguesa arredor de temáticas como o alto grao de desemprego xuvenil, a problemática da emigración, así coma a precariedade no mundo laboral, comúns en ambas nacións. Do mesmo xeito tamén se abordou o panorama no ensino da mocidade galega en comparación coa portuguesa, na cal a privatización do ensino se viu freando dende o último cambio de goberno.

Tamén se analizaron as propostas tanto de Galiza Nova como da JCP para reverter a situación de precariedade que están a padecer a mocidade e o pobo galego e portugués. Ambas organizacións coincidiron en que a causa das precarias condicións de vida das mocidades galega e portuguesa vén derivada da falta de soberanía das nosas nacións para poder desenvolver políticas patrióticas e de clase ao servizo das clases populares.

Dado que o poder de decisión en materia económica se atopa case na totalidade actualmente no seo dunha irreformábel UE controlada polos grandes poderes económicos e máis no da gran burguesía transnacional, non é suficiente para ter capacidade de decisión con ter un Estado propio, pois en moitas ocasións a troika e o gran capital impoñen as súas políticas nestes sen capacidade de resposta. Unicamente poderemos ser verdadeiramente libres conseguindo soberanía, para o que hai que rachar con este sistema. Esta situación é claramente máis grave no noso país, pois a diferenza de Portugal atopámonos nunha situación colonial dentro de España ademais de na UE. Son os centros de poder españois quen toma as decisións sobre as cuestións que afectan a Galiza.

Deste xeito ambas organizacións puxeron en común os obxectivos e retos dos seus procesos asembleares e coincidiron na importancia das semellanzas entre a situación galega e portuguesa, así como en manter unha comunicación aberta para futuros traballos comúns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *