BNG E GALIZA NOVA CHAMAN á MOCIDADE A ERGUERSE E LOITAR O 20F, XORNADA DE FOLGA ESTUDANTIL NA GALIZA

rolda prensaAnimamos á mocidade galega a secundar a folga estudantil do 20F e a participar nas máis de 20 mobilizacións convocadas.
Esta mañá, o Portavoz Nacional do BNG, Xavier Vence e o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, compareceron en rolda de prensa no campus universitario de Santiago para trasladar todo o apoio do BNG e de Galiza Nova á folga estudantil convocada polo estudantado galego contra os recortes, o modelo eductaivo do PP e a Lei da Wertgoña.

Mobilizacións este xoves ás 12h nas 7 cidades e en máis de 13 vilas da nosa nación.

O Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, chamou a toda a mocidade a saír ás rúas da Galiza este xoves e acudir ás mobilizacións que terán lugar ás 12:00 horas nas 7 cidades e en máis de 13 vilas da nosa nación. “O PP destrúe a educación pública e elitiza o seu acceso, porque unha sociedade sen ensino é moito máis manipulábel”, por iso animou ás mozas e mozos a rebelarse  e loitar sen cesar polos seus dereitos porque “se hoxe deixamos que destrúan o ensino público galego, este nunca máis será recuperábel”.

Vence: “A LOMCE vai afectar dun xeito moi grave aos fillos e fillas das clases populares que terán máis difícil chegar á universidade”.

Erguete-polo-ensino-publico-e-galegoXavier Vence explicou que a difícil situación que atravesa a mocidade galega será máis grave no futuro coa LOMCE, unha lei educativa que cualificou de “clasista, retrógrada, privatizadora e inconstitucional”.

O Portavoz Nacional do BNG reclamou ao Goberno de Feijóo que recorra a Lei Wert ante o Tribunal Constitucional e xa anunciou que o Bloque vai presentar unha proposición non de lei no Parlamento galego para que a Cámara autonómica se pronuncie no mesmo sentido.

“Reclamamos á Xunta de Galiza que leve ante o Tribunal Constitucional esta lei, que é inconstitucional porque invade as competencias do noso Estatuto de Autonomía, as competencias plenas que temos en materia de Educación e, ao mesmo tempo, presentamos unha proposición non de lei para o seu debate en Pleno no Parlamento, na que formulamos presentar un recurso de inconstitucionalidade para que tamén haxa un pronunciamento desde esta instancia”, explicou Vence.

A LOMCE “vai afectar dun xeito moi grave aos fillos e fillas das clases populares que terán máis difícil chegar á universidade”, concluíu Vence.

 “O ensino é un dereito, non un privilexio, que é no que o queren converter. Por iso temos que saír á rúa”.

rolda prensa Vence

Alba Sánchez, estudante e responsábel de Ensino de Galiza Nova, chamou á folga contra a situación limite que están a vivir moitas e moitos estudantes debido aos recortes das bolsas e das axudas universitarias. “É necesario enfrontar as políticas que pretenden desmantelar o ensino público, universal e de calidade”. “O ensino é un dereito, non un privilexio, que é no que o queren converter. Por iso temos que saír á rúa”, asegurou.

Non ao modelo educativo do PP!