Galiza Nova e o BNG, denunciaron esta mañá en rolda de prensa que cada día milleiros de mozas e mozos atravesan unha verdadeira odisea para desprazarse ao seu posto laboral ou centro de estudos. “A mocidade é un dos sectores máis afectados polo desleixo co que desde España tratan a Galiza, tamén no que ten a ver coas nosas comunicacións e redes de transporte” afirmou Alberte Mera, Secretario Xeral de Galiza Nova.
Na rolda na que tamén interviron o Portavoz Nacional do BNG, Xavier Vence, e Rosana Pérez, deputada do Bloque no Congreso, esixíronse máis horarios, frecuencias e liñas para que os venres e domingos as mozas e mozos non teñan que seguir a viaxar de pé, enlatadas ou mesmo sentadas enriba da maleta, xa que é inxusto, abusivo e é realmente perigoso en caso de accidente.
Reivindicamos máis liñas e horarios, “pois é inadmisíbel que o último tren de Vigo-A Coruña saia ás 21 horas e A Coruña – Vigo ás 21:10” denunciou Mera, xa que“moitas mozas e mozos que se desprazan neste servizo rematan as súas aulas ou xornada laboral a esa mesma hora”.
Denunciouse que as horas dos desprazamentos son desproporcionadas en relación coas distancias que se percorre debido á inexistencia de tren de cercanías na Galiza; a pesar de que se trate dunha histórica reivindicación do nacionalismo e en concreto, de Galiza Nova. De sempre pulamos por conectar por ferrocarril núcleos comprendidos entre Ferrol e A Coruña, Vilagarcía e Compostela, Pontevedra e Vigo. “Xa non falemos das horas e horas que teñen que facer mozas e mozos por exemplo da Mariña ou Xinzo para acudir en bus estudar a Compostela, debido á gran precariedade nas liñas de comunicación na Galiza·.
“Pagamos máis por menos servizos”
O Secretario Xeral de Galiza Nova denunciou a suba do billete de tren neste 2015 nun 1,85%, namentres Renfe non aplica descontos con carnet xove a maiores de 25 anos, e é un escándalo que o billete Compostela–Ourense oscile entre os 16,60 e os 19,90 euros só pola viaxe de ida, ou que estudantes de Vigo ou Pontevedra que non se poden permitir vivir en Compostela teñan que pagar unha media ao día de 15 a 21 euros para desprazarse en ferrocarril para poderen acudir a aulas. Unha situación moi inxusta sobre todo en momentos nos que o PP está a recortar drasticamente en bolsas de estudo e que dificultan por tanto as posibilidades a milleiros de mozas e mozos de realizaren os seus estudos.
Desde Galiza Nova, anunciou Alberte Mera, esiximos rebaixas importantes no billete de ferrocarril para estudantes e a gratuidade do mesmo para aquelas persoas que o precisaren por motivos económicos.
“Máis frota, mais frecuencia, máis liñas e cercanías” esixiu Mera, que reivindicou o poder de decisión par ao pobo galego e gobernar desde a Galiza a nosa Terra, para pór o deseño e servizo de redes de transportes á realidade da mocidade galega, estudantes, persoas con mobilidade reducida e, en xeral, ao conxunto da poboación galega.
“É necesario un cambio na prestación do servizo de Renfe para que o tren sexa realmente unha alternativa de transporte entre as cidades e as vilas”, demandou Vence, quen enumerou esa alternativa.
Rosana Pérez lamentou que, aínda por riba, o Ministerio de Fomento “se atreva a dicir que é seguro viaxar desta maneira”. “Equipaxes que poñen en perigo aos usuarios sentados nos corredores, de pé, sen que case poda pasar nin o revisor, unha seguridade que en Galiza xa quedou cuestionada en moitas ocasións, e todos temos na memoria a traxedia de Angrois”, lembrou.