Galiza Nova Ferrolterra renova as súa forzas

A pasada fin de semana reuniuse en asemblea a militancia de Ferrolterra co obxectivo conformar unha estrutura organizativa a nivel comarcal. Ademais disto, analizouse conxuntamente a situación da mocidade, constatando o problema demográfico derivado da falta de oportunidades para desenvolver un proxecto emancipador na propia comarca.

O novo responsábel comarcal, Xano Chao declarou que “é un orgullo poder por en marcha unha estrutura política que defenda e traballe en prol dos intereses e necesidades da mocidade de Ferrolterra”. Neste senso, as compañeiras de Galiza Nova xa comezaron co traballo previo de cara a vindeiras campañas.

Nestes tempos de crise sanitaria, a organización afronta esta etapa coa ilusión de traballar co obxectivo de sumar máis mozas e mozos ao proxecto de Galiza Nova e do BNG e de defender os dereitos da mocidade.