Galiza Nova homenaxea ao Consello da Mocidade no cuarto cabodano de Antón Moreda

homenaxe consello da mociadade 08-05-14Este sábado lembraremos en Barreiros ao Consello da Mocidade coincidindo co cuarto cabodano da morte de Antón Moreda, quen fora Secretario Xeral do mesmo. No acto, que comezará ás 17:00h na Praza do Souto de San Miguel de Reinante, rescataremos o legado e a memoria dunha organización que na clandestinidade da loita contra o franquismo deixou sentadas as bases do nacionalismo tal é como se entende hoxe.

O Consello da Mocidade, do que Antón Moreda foi o seu máximo dirixente, aglutinou persoas de tanta transcendencia para a historia de Galiza coma Bautista Álvarez, María Xosé Queizán, Méndez Ferrín, Manuel María, Saleta Goi, Xosé Antonio Arxona, Raimundo Patiño, Luis González “Foz”, López Casanova ou García Bodaño. Pero sobre todo a análise dos debates e contradicións que se viviron no seu interior van permitir construír, xa desde orientacións partidarias, o nacionalismo contemporáneo atendendo ao pensamento de Castelao, secuestrado polo grupo nucleado arredor da Editorial Galaxia. Nesta cuestión, Antón Moreda, formado no nacionalismo en Bos Aires onde chegara a ser Secretario Xeral das Mocidades Galeguistas, xoga un papel determinante até pasar a converterse no trasunto do protagonista principal da novela de ficción de Méndez Ferrín “Retorno a Tagen Ata”.

O acto, organizado conxuntamente entre Galiza Nova e o BNG e ao que se sumarán colectivos sociais e sindicais de Galiza e da Mariña, constará de dúas partes. Unha primeira na Praza do Souto na que contaremos coa música de grupos de xente moza da Mariña; poesía, neste caso na voz dun dos máis grandes das nosas letras e tamén dos preferidos do propio Moreda a quen coñeceu a mediados dos 60 na casa de Raimundo Patiño en Madrid, o ribadense Xabier Rodríguez Baixeras e intervencións políticas de Galiza Nova e o BNG.”

Somos as mozas e os mozos a quen lles toca situarse, ao igual que Moreda fixo, á vangarda da loita que nos é común.

Somos as mozas e os mozos a quen lle toca situarse, ao igual que Moreda fixo, á vangarda da loita que nos é común. Isto é: unhas condicións de vida dignas para o noso pobo, unha patria farturenta que sexa quen de manter aos seus fillos e non expulsalos á emigración como aconteceu con Moreda e que volve acontecer hoxe e a seguir pola restauración do que nos define: unha cultura de nós en perigo de extinción.

A continuación do acto na praza, terá lugar a presentación dun libro da autoría de Uxío Breogán Diéguez Cequiel e de Xoán Carlos Garrido sobre o Consello da Mocidade, así como a proxección dun documental sobre o mesmo, onde San Miguel de Reinante e o propio Moreda xogan un papel destacado.