Galiza Nova Lugo Sul renova ao seu responsable comarcal

A Asemblea Comarcal de Galiza Nova Lugo Sul elixiu este sábado a Alexandre Varela como novo responsable comarcal.
Alexandre Varela “É unha moi boa oportunidade para continuar co bo traballo feito até o de agora e que asumo con toda a responsabilidade e ilusión”.

Chantada, 23 de decembro de 2023.- A Asemblea Comarcal de Galiza Nova Lugo Sul reuniuse este sábado en Chantada para renovar as responsabilidades e marcar o traballo para o inicio de 2024, elixindo a Alexandre Varela, de 25 anos e do concello de Taboada, como novo responsable comarcal.
Alexandre é militante dende hai máis dun ano na organización xuvenil e asegura estar “moi contento e agradecido pola confianza que as militantes me están dando. É unha moi bo oportunidade para continuar co bo traballo feito ata o de agora e asúmoo con moita ilusión máis tamén con toda a responsabilidade”.
A organización xuvenil do BNG atópase agora no proceso de renovación de responsabilidades após a Asemblea Nacional celebrada o pasado 2 de decembro en Santiago de Compostela, neste sentido a xuntanza de Lugo Sul contou coa presenza de Iago Suárez, que dende a pasada Asemblea Nacional é membro da comisión permanente da organización e que ata o momento asumía a responsabilidade que hoxe recolle Alexandre.
Na xuntanza renováronse tamén as responsabilidades de organización, que pasa a levar Adrián Gómez (27 anos, Monforte) e a responsabilidade de mulleres, que asumirá Noelia González (25 anos, Carballedo).
A organización ratificará as novas responsabilidades, tanto nacionais como locais, nunha xuntanza o 13 de xaneiro na que tamén aprobarán o traballo para o 2024 entre o que se atopa encarar as futuras eleccións galegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *