Galiza Nova na manifestación do 17 de maio. Sempre en Galiza, sempre en galego!

A nosa organización participou no 17 de maio, Día das Letras Galegas, na manifestación nacional en defensa da nosa lingua, convocada pola plataforma Queremos Galego.

Unha multitudinaria comitiva xuvenil percorreu con Galiza Nova as rúas de Compostela ao berro de “Nas aulas da Galiza, Queremos Galego” até chegar á Praza da Quintana. Alí milleiras de galegas e de galegos nunha marea de dignidade volveron reivindicar a a normalización do galego e esixiron ao goberno da Xunta de Galiza que pare os seus ataques contra a nosa lingua.

No día en que se cumpren os 150 anos da publicación de Cantares Galegos, desde Galiza Nova queremos parabenizar á mocidade galega por esta manifestación de dignidade, e animamos ás mozas e mozos a seguir mobilizándose en defensa do noso idioma para parar a política antigalega do goberno de Núñez Feijóo.