Galiza Nova no 11º Congreso da JCP

Os días 31 de marzo, 1 e 2 de abril, unha delegación de Galiza Nova estivo presente nas actividades do 11º Congreso da Juventude Comunista Portuguesa (JCP). Esta delegación estivo formada por Alberte Fernández, secretario xeral de Galiza Nova, e Navia Rivas, responsábel de relacións internacionais.

A JCP, xuventude do Partido Comunista Português, vén de renovar os seus órganos de dirección e actualizar a súa tese política, adaptándoa ao novo contexto político que vive Portugal, un momento no que a loita é se cabe aínda máis necesaria para avanzar na mellora das condicións de vida da xuventude. Mostramos así a nosa solidariedade acompañando aos compañeiros e compañeiras da JCP nos seus traballos congresuais.

Ademais das actividades estritamente ligadas ao Congreso, tamén acudimos a diversos actos organizados para as delegacións internacionais que alí asistimos. Entre elas, podemos destacar en primeiro lugar un encontro sobre o papel da mocidade no movemento sindical, no que tivemos a oportunidade de coñecer as últimas loitas da clase traballadora portuguesa, en especial no que ten a ver coa mocidade. Tamén é de sinalar a visita ao goberno municipal de Setúbal, onde soubemos das políticas que o PCP implantou neste concello, pensando no impulso da economía do municipio cunha perspectiva de inclusión e xustiza social.

Ademais, aproveitamos a ocasión para establecer contacto con outras oganizacións xuvenís no mundo coas que compartimos principios ideolóxicos, intercambiando experiencias e metodoloxías de traballo político para a mocidade e facendo fincapé no internacionalismo como expresión do nacionalismo galego no mundo, en defensa da liberdade dos pobos.

Unha vez máis, Galiza Nova mostra a súa solidariedade internacionalista coa mocidade que loita pola liberdade do seu pobo e pola xustiza social, nomeadamente co pobo portugués, co que compartimos a loita pola plena soberanía nacional e polos dereitos da clase traballadora contra o sistema capitalista e o imperialismo.