Marta Gómez, Secretaria Xeral de Galiza Nova: “Nos últimos 15 anos foron máis de 200.000 as mozas e mozos que emigraron do noso país mentres hai cada vez menos vivendas, peor emprego e nin unha soa solución”.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2025 .- Na mañá deste mércores, un grupo de militantes de Galiza Nova tomou a Secretaría Xeral de Emigración na Praza de Mazarelos para esixirlle á Xunta de Galiza solucións reais que poñan fin ao problema de emancipación da mocidade galega. Alí, metéronse no interior do edificio cunha pancarta na que se podía ler o lema “15 anos 200000 mozas emigradas. 0 vivenda 0 emprego 0 solucións”.
Baixo o berro de “Queremos traballar e non emigrar”, o grupo de mozas e mozos introduciuse no interior do edificio público para esixirlle á Xunta de Galiza que escoite as súas demandas e para esixir políticas públicas que melloren as condicións de vida da mocidade galega. Dende a organización sinalan que levan “15 anos cun goberno do Partido Popular que actúa en beneficio dos seus intereses e contra as clases populares, facendo que a vida das mozas e mozos galegos sexa cada vez máis precaria e indigna”.
“Queremos algo tan simple pero revolucionario como vivir aquí, dignamente” berrou Marta Gómez, Secretaria Xeral da organización, aos asistentes e transeúntes da praza durante a acción. “As mozas e mozos estamos fartas, levamos anos e anos vendo como se nos oprime, como temos cada vez menos vivenda e como o emprego é cada vez máis precario. Ante esta situación dicimos basta, non imos parar até que a Xunta atenda as nosas demandas e comecen a mellorar as nosas condicións de vida” afirmou.
As demandas da organización.
Galiza Nova sinala que o que piden non é “nada do outro mundo” e que “é rexeitado por sistema pola ditadura de Rueda”.Entre as súas propostas destacan a creación dun Plan de emprego xuvenil que garanta a correcta inserción laboral da mocidade galega ou a elaboración dunha bolsa de vivenda para o estudantado para que “marchar estudar fora e ter onde vivir non sexa cada ano unha odisea”.
Esta acción encadrouse dentro da súa campaña “A nosa precariedade, o seu lucro” e pretendía facer chegar á Xunta de Galiza as demandas recollidas no Manifesto pola emancipación xuvenil que xa conta con centos de apoios.
A represión policial
A organización xuvenil denuncia a acción represiva da policía española, cunha presenza desmesurada coa que pretendían facer calar unha acción “política, pacífica e enmarcada dentro da liberdade de expresión coa que non lle facemos dano a ninguén” sinalan dende a organización.
En palabras de Marta Gómez “vimos unha vez máis como as forzas de represión se alienan coa Xunta de Galiza para impedirnos levar a cabo as nosas accións coa liberdade que se presupón da democracia. Non van calarnos, seguiremos en pé e a loita”
“Cal é, se non outra que amedrentar, a motivación de mandar unha vintena de policías nacionais a disuadir un acto pacífico?” cuestiónase a Secretaria Xeral “Sabemos que queren calarnos, mais coa súa intimidación so van conseguir que alcemos máis a nosa voz”.