Este xoves 16 de xullo, Galiza Nova organiza en Ribadeo unha Festa da Patria no Parque de San Francisco. Nesta actividade contarase coa intervención de mocidade da propia vila, así como do alcalde de Ribadeo, Fernándo Suárez e de Antonio Veiga. As persoas asistentes poderán disfrutar dunha actuación levada a cabo pola recoñecida actriz Isabel Risco e saborear comida de produción local elaborada pola coñecida ribadense Lola de Remourelle.
O acto comezará ás 19:30h e continuará até aproximadamente as 22h, entre música, baile e festa.
Andrea Martíns, responsábel local de Galiza Nova, salienta que “con este acto pretendemos mostrarlle á xente de Ribadeo que o BNG está conformado por persoas que queremos cambiar o contexto que nos rodea como galegas e facelo partindo das necesidades da sociedade, pero tamén desde unha perspectiva animada e lúdica, sen barreiras”. “Por iso decidimos apostar neste caso pola nosa cultura e gastronomía, contando con dúas persoas referentes a nivel galego e local nestes eidos, pero tamén poñendo en valor o traballo militantante” engadíu a responsable local das mocidades do BNG. Andrea destaca que “é importante que a xente nova comece a ter conciencia das necesidades que o pobo galego temos á hora de marcar un futuro non supeditado ás decisións de Madrid, por iso o 25 de xullo as rúas de Compostela deben estar ateigadas na manifestación do Día da Patria Galega”.
Martín Graña, responsábel comarcal de Galiza Nova, chama á mocidade galega a rebelarse e a continuar a ter unha perspectiva crítica onde saibamos diferenciar cal é o proxecto político que realmente é necesario para que medremos como pobo e con soberanía, que nos permita decidir sen ter medo ao que nos digan desde Madrid, xa que a maioría de decisións tomadas neste nivel o único que fan é perxudicarnos”.