Con motivo do Aberri Eguna, unha delegación de Galiza Nova participou nos actos e na manifestación que percorreu as rúas de Iruña convocada pola rede Independistak. Amosamos pois, un ano máis, toda nosa solidariedade internacionalista coa mocidade de Euskal Herria que loita pola liberación nacional e a emancipación social.
Compartimos a alegría polo éxito da manifestación convocada neste Aberri Eguna pola rede Independistak, e sumamos a nosa voz á de milleiros que clamaron pola independencia. Por unha Euskal Herria libre que camiña xa, e por si propia, cara á normalización e liberación do país; a pesares dos atrancos e ataques que día a día lanzan desde o Estado español.
Galiza Nova acudiu aos distintos actos convidada por Gazte Abertzaleak, e partillamos espazos para o debate e intercambio de experiencias de traballo e loita entre mocidade de diferentes nacións e pobos cuxa soberanía atópase secuestrada, como foron as delagacións xuvenís da propia Galiza Nova e de Gazte Abertzaleak, da Bretaña, Països Catalans e Andalucía. Sumámonos pois, ao conxunto da sociedade vasca que continúa a diario a traballar barrio a barrio, vila a vila, cidade a cidade, pola consecución dunha nación plenamente soberana, socialmente xusta e equitativa.
O podre réxime español e o capitalismo continúan a estrangular os nosos pobos. Mais vivimos un momento no que procesos de liberación nacional e social están a emerxer e os procesos independentistas están a constituír a forza que rachará co actual marco político e económico. Nestes procesos, Euskal Herria, Galiza e Països Catalans tamén culminarán o seu propio proceso de ruptura democrática. A transición rematou. É a hora da xuventude e dos pobos.
Gora Eukal Herria Askatuta!
Viva Galiza Ceibe e Popular!