Unha nova edición das Xornadas de Historia de Galiza terá lugar esta fin de semana, 30 e 31 de xaneiro, en Pontevedra.
Galiza Nova vén de presentar publicamente a programación das xornadas que xa chegan á súa XVII edición, e que desta volta terán lugar en Pontevedra. “Faremos un percorrido sobre a historia do nacionalismo galego, con motivo do aniversario do nacemento da primeira organización nacionalista, as Irmandades da Fala”, afirmou Alberte Mera, Secretario Xeral de Galiza Nova.
Para Galiza Nova, as mocidades do BNG, “o coñecemento da historia do pobo galego é fundamental para gañar o futuro, para ter conciencia de pertencer a un pobo diferenciado e reivindicar os dereitos que como nación nos pertencen”, afirmaron.
Un cento de mozas e mozos participarán ao longo desta fin de semana nas xornadas, abertas a toda mocidade que queira sumarse a calquera das actividades previstas, e que arrincarán o sábado 30 contra as 11hs coa intervención de benvida do alcalde de Pontevedra, Miguel Lores e a concelleira de Deportes de Poio, Marga Caldas, na Casa da Luz (Praza da Verdura). Acto seguido, o historiador e profesor da Universidade da Coruña, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel compartirá unha charla coloquio coas mozas e mozos aasistentes sobre a historia e evolución do nacionalismo galego desde as Irmandades da Fala e o Partido Galeguista até o nacionalismo durante o golpe militar e a súa reorganización na terra no 1963-64.
Das charlas que terán lugar na Casa da Luz, partirá ás 16,30 o roteiro pola cidade “Do gris ao violeta” guiado pola ex concelleira de cultura en Pontevedra, Chus Escudeiro, e que tratará sobre as vidas e a memoria das mulleres galegas represaliadas polo fascismo.
Esa mesma tarde, o historiador Roberto Rivaas guiará o roteiro Castelao por diversos espazos da cidade de Pontevedra con relevancia na vida, obra e acción de Daniel Afonso Castelao e que finalmente rematará no museo para coñecer a valiosa obra do nacionalista que alí se atopa.
Ás 20hs tamén na Casa da Luz continuarán as palestras sobre a historia do nacionalismo galego, neste caso sobre a organización ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) da que Galiza Nova naceu, e que contará con Xosé Manuel Abralde, alcalde do BNG de barro e antigo membro de ERGA, e Iria Figueroa, participante do movemento estudantil nacionalista na actualidade.
Ás 22 horas comeza a festa no bar Diaño (Rúa Charino, 33) co mellor rock e ska galegos e
moitos máis estilos musicais da Galiza.
O domingo inicia a segunda parte das xornadas cun roteiro polo Acival, guiado por Alba Cuba e Diego Oliveira. Á tarde, na Casa da Luz terá lugar a palestra sobre a alternativa e estratexia xuvenil nacionalista, un coloquio que materán as mozas e mozos nacionalistas para incrementar e mellorar a acción e métodos de traballo da mocidade do BNG e reforzar o seu activismo social. Nela participarán o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, a activista estudantil Rebeca Cambeiro e outros activistas nacionalistas participantes en movemento sindical e social.
En palabras de Alberte Mera, Galiza Nova considera fundamental coñecer o pasado de Galiza e do nacionalismo para podermos avanzar colectivamente, coa experiencia dun pensamento e acción política propias que este ano 2016 cumpren cen anos co aniversario das Irmandades da Fala.