Baixo o lema “Mudémolo todo, loitemos por unha Galiza nova” presentamos publicamente unha campaña en prol da soberanía do noso país coa que Galiza Nova traballará entre a mocidade galega, nomeadamente nos centros de ensino e nos espazos de socialización xuvenís, así como en lugares de aglomeración de xente moza como a estación de autobuses compostelá na que nesta tarde realizaron a presentación pública da campaña entre o estudantado que regresa ás súas casas na fin de semana.
“Trátase dunha campaña axitativa dirixida a incrementar o apoio da mocidade á loita pola soberanía de Galiza, polo dereito a decidir como pobo sobre as cousas que nos afectan a diario” afirmou Alberte Mera, Secretario Xeral de Galiza Nova. Esta campaña ten un claro carácter pedagóxico co que queremos trasladar que a independencia non é un concepto estrambótico na Galiza, senón que se trata dunha necesidade para mellorar a vida das galegas e dos galegos, para gañar en liberdades, traballo e dereitos. Por iso que o material que se repartirá nas vindeiras semanas nos centros de ensino medio e universitario expón a situación crítica que padece a educación pública, e a necesidade de políticas propias pensadas para a mocidade galega, que afortalen un ensino público, de calidade e gratuíto para que ningún estudante quede atrás ou fóra do sistema educativo, e no que se destinen os recursos necesarios e se restitúa a lingua galega como lingua vehicular nas aulas.
Queremos independencia para mudalo todo, para poder crear políticas alternativas desde a Galiza que xeren traballo digno e que rematen dunha vez co drama da emigración xuvenil”
As mozas e mozos nacionalistas afirmaron na presentación pública que con esta campaña preténdese vincular as problemáticas que padece a mocidade galega coa necesidade de empoderamento político e de avance do proceso soberanista galego. Por iso explicarán á mocidade galega como Galiza, con soberanía, podería exercer a insubmisión ás políticas de España e da Unión Europea, por exemplo aos vetos que nos impiden producir no rural e construír barcos, ou as reformas laborais dos sucesivos gobernos españois que precarizan as condición laborais da mocidade galega e converten a maioría dos postos de traballo en temporais e en réxime de explotación absoluta.
“Galiza, con independencia, sería quen de poder destinar os recursos económicos á creación de emprego, sexa ou non do agrado de Madrid e Bruxelas” para, continuou Mera, “podermos recuperar as máis de 100 000 persoas mozas que desde a chegada de Feijóo ao goberno galego tiveron que coller as maletas e marchar da nosa terra”.
Por outra banda, desde Galiza Nova denunciouse o custo público que está a supor a campaña polo día da Hispanidade que o goberno español e o Ministerio de Defensa está a levar a cabo baixo o título “La fiesta nacional, el día de todos”, cun claro intento de atacar ao movemento polo dereito a decidir de Catalunya, Euskadi e Galiza, iso si, pagado cos cartos de todas e todos nós.
Con esta campaña pretendemos tamén ampliar a base militante de Galiza Nova e do BNG a través das asembleas abertas que as mocidades nacionalistas levarán a cabo nas portas de centros de ensino, facultades, espazos xuvenís… polo que tamén chamamos á participación no asemblearismo aberto e de base que a nosa organización xuvenil practica nas súas asembleas locais e comarcais e de maneira transversal en toda a organización, para entre todas e todos, poidamos decidilo todo!
O teu pobo precisa da túa participación, da túa opinión, da túa forza…
Únete a nós, ven loitar por Galiza!