Galiza Nova presentará ás máis de 400 mozas e mozos que forman parte das candidaturas do BNG para as vindeiras eleccións municipais

A Secretaria Xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, e o deputado do BNG no Parlamento Galego, Daniel Castro —que tamén exerce a responsabilidade de política institucional na organización xuvenil—„ presentaron na mañá de hoxe o acto central de precampaña das municipais no que presentarán ás máis de 400 mozas e mozos que forman parte das candidaturas do BNG a estas eleccións.

O acto terá lugar o vindeiro sábado 6 de maio, ás 12:00 da mañá, no Xardín das Pedras que Falan, aínda que no caso de choiva será na Sala Malatesta, e contará coas intervencións de Goretti Sanmartín, candidata do BNG á alcaldía de Compostela, Carmela Franco, candidata do BNG á alcaldía das Pontes, Marta Gómez, Secretaria Xeral de Galiza Nova e Ana Pontón, portavoz nacional do BNG.

 

“É unha realidade que cada vez hai máis mozas e mozos interesados en participar en política e interesados no nacionalismo galego, que buscan contribuír ao cambio político que necesita este país”, sinala Marta Gómez, “a demostración está en que son máis de 400 as mozas e mozos que conforman as candidaturas do BNG a estas eleccións municipais. Con este acto o que queremos é dalas a coñecer tanto a elas como ás propostas que dende o BNG se defenderán nas corporacións para que a mocidade poidamos desenvolver os nosos proxectos de vida nos nosos concellos”.

Pola súa parte o deputado nacionalista destacou  “o importante que é a mocidade para o proxecto do BNG, xa que ademais de apostar polos mozos e mozas deste país para as nosas candidaturas tamén se ten en conta as súas propostas para acadar uns concellos con máis futuro para os máis xoves.” De igual maneira, tamén fixo fincapé en que “ a grande maioría dos mozos e mozas deste país van ter unha papeleta do BNG no seu concello onde poderán escoller representantes mozos para as súas vilas e cidades”.

Ao remate das intervencións políticas, o acto pechará coa intervención musical da DJ Misa e prolongarase ata aproximadamente as 14:00 da tarde.