Galiza, unha nación, unha selección. Artigo Iria Costas

Iria Costas

A selección española é un dos instrumentos máis eficaces dos que se serve o Estado para naturalizar o españolismo. A través do deporte, constrúese un relato emocional en que millóns de persoas son chamadas a se identificar cunha bandeira, cun himno e cun proxecto político que se presenta como neutro e común. Mais non o é. 

Hai quen segue a insistir e repetir que o fútbol e a política nada teñen que ver, é curioso que esta afirmación apareza cando se cuestiona a selección española e non cando esta se converte no principal escaparate da identidade española —e do españolismo—. A realidade é que o feito de non poder xogar a selección irmandiña é unha decisión política. Unha decisión do Estado e da súas institucións para impedir que nacións como Galiza, Euskal Herria ou Catalunya poidan exercer con normalidade o dereito a representarse a si mesmas, como si o fan outras nacións sen estado como Gales ou Escocia.

Que a Irmandiña non poida xogar é máis unha expresión da subordinación política do noso país. O Estado comprende á perfección o valor simbólico dunha selección nacional, pois sabe que un equipo propio reforzaría a autoestima colectiva, normalizaría unha identidade diferenciada e favorecería a conciencia nacional. Defender a oficialidade da selección galega non consiste unicamente en reclamar o dereito a disputar unha clasificación para un Mundial ou unha Eurocopa: significa reivindicar que Galiza existe como nación e que ten dereito a ocupar o seu lugar entre os pobos do mundo. Por tanto, non, o problema nunca foi deportivo, sempre foi político. 

Sabemos que esta posición resulta incómoda, pois vivimos nun país sometido a un proceso constante de colonización, en que apoiar a selección se presenta como un comportamento natural, propiciado por décadas de propaganda, medios de comunicación, escolas e institucións; e cuestionala convértese case nun acto de rebeldía. É por iso que tampouco podemos culpar a xente que inconscientemente decide animar “La Roja”. A responsabilidade é dun sistema que leva xeracións educándonos para nos identificar co Estado que nos nega como pobo. Debemos facer moita pedagoxía, explicar, convencer, conversar; construír conciencia nacional desde a paciencia e desde o proselitismo, porque ningún proceso de descolonización comeza culpando as persoas colonizadas, senón cuestionando as estruturas coloniais. 

Eu tamén fun esa cativa que celebrou o Mundial de 2010 e que de adolescente se xuntaba coas amizades para ver os partidos, pensando que moito tiña que ver comigo. Como milleiros de mozas galegas, medrei durante unha das maiores vagas de españolización das últimas décadas. Antes do 2010 non era tan habitual ver bandeiras españolas nos balcóns, a raíz dese ano, cada vez que xoga “La Roja” se incrementa o número de rojigualdas nas rúas, de caras pintadas e de camisolas vendidas. A sociedade esquece o verdadeiro significado desa bandeira, herdeira do franquismo. Hoxe eu teño claro que nada diso me representa, e tamén sei o incómodo que é expresar esta convicción diante das amizades e mesmo da familia. A postura da persoa colonizada non deixa de ser a busca da integración no marco do colonizador, que asume os seus símbolos e os seus éxitos.

Non nos enganemos, a selección española non é cada día máis progresista: Borja Iglesias non a fai máis progre apoiando o colectivo LGBT+ e pintando as unllas, e Lamine Yamal tampouco sacando a bandeira Palestina nunha celebración. A selección española representa a monarquía, o estado opresor e colonizador e o imperio que nos ten encadeadas por sermos galegas, por sermos mozas, por sermos mulleres. 

Mentres milleiros de persoas enchían as rúas para celebrar os triunfos da selección española de fútbol, hai apenas uns días Galiza proclamábase campioa do mundo de Fútbol Gaélico en diferentes categorías. Non é sorprendente que isto non saíse apenas no telexornal da TVG ou nos xornais do país. A selección galega leva por bandeira a serea de Castelao, a fouce de ouro sobre o fondo azul e a estrela vermella, como emblema do traballo e da liberdade. O “Denantes mortos que escravos”, que podería representar neste contexto a preferencia de non ter representación propia no mundial de fútbol antes que apoiar a selección de quen nos ten como escravas. 

Abonda tamén con mirar as bancadas dos nosos estadios, con estreleiras e berros a favor da Irmandiña. As afeccións do Celta, do Deportivo, do Pontevedra, do Ourense, do Compos, do Lugo e de tantas equipas que levan décadas demostrando que existe un sentimento nacional vivo que trascende rivalidades deportivas. Por iso, teñen tamén tanto valor exemplos como o de Nacho Fernández, que alá polo ano 96, aclarou que non iría coa selección española por “dignidade e convicción”. 

Nós, como galegas, non podemos celebrar os triunfos dunha selección que representa o Estado que nos impide existir deportivamente. A nosa tarefa é ir contra quen nos oprime, lamentar cada gol e cada vitoria mentres non teñamos representación propia. Porque a oficialidade da Irmandiña non é unha cuestión de fútbol, é unha cuestión de dignidade nacional dun pobo loitador, e ningún pobo conquista a súa dignidade nin a liberación nacional celebrando as vitorias de quen o oprime e impide competir. Até entón, o único partido que verdadeiramente importa é o da conquista da nosa oficialidade. 

Galiza, unha nación, unha selección. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *