Galiza Nova contra a serofobia

galiza-nova-contra-a-serofobia-webO 1 de decembro celébrase o día mundial da loita contra o SIDA e dende Galiza Nova queremos denunciar todas as discriminacións e agresións que sofren as persoas seropositivas. Este colectivo aínda soporta grandes prexuízos na súa contra, poden observarse comportamentos que non teñen outra razón de ser máis que a ignorancia. Tamén denunciamos a demonización do colectivo LGBTI, especialmente homes gais, por parte dalgúns sectores máis reaccionarios. Manter que son os homosexuais quen perpetúan a SIDA, ademais de ser falso, é unha forma máis de homofobia e resulta inaceptable.

O sistema perpetúa todos estes estigmas negándolle a información necesaria á mocidade. Non é de estrañar esta falta de formación, pois é outro xeito de introducir unha visión moralista e censora da sexualidade. Reclamamos o noso dereito a recibir unha educación sexual de calidade que se nos nega reiteradamente. Na loita contra a SIDA é primordial a formación da nosa mocidade evitando que se perpetúen estereotipos e prexuízos alimentados por este sistema que nos oprime.

Demandamos o noso dereito a unha sexualidade libre, plena e gozosa!