Acordo españolista e de dereitas

acordo boEsta semana vimos de coñecer un novo acordo de goberno do Estado, esta vez entre o PSOE e Ciudadanos e que como era previsíbel, non ten en conta para nada as necesidades do pobo galego, e en concreto da súa mocidade. Aspectos que os partidos aspirantes a gobernar afirmaban ter claros antes xa non parecen estalo tanto nos documentos actuais, afectando directamente á mocidade galega os casos da LOMCE, a Lei Mordaza e as reformas laborais.

No caso da LOMCE afírmase que só se paralizarán aqueles aspectos que non están postos en marcha da lei educativa, deixando un panorama educativo de novo moi prexudicial para o estudantado galego. Por outra banda a Lei Mordaza será só revisada e non derogada, mantendo o corpo da lei, que censura as protestas contra as medidas inxustas e que permite a represión de todo movemento que o sistema non autorice.

Porén, o factor máis regresivo no que á mocidade galega se refire deste acordo será o dunha nova reforma laboral, que lonxe de derogar as dúas anteriores (PSOE e PP), mantén a súa esencia e fixa un novo tipo contrato regulamento de indemnizacións por despedimentos con distintos prazos, que na práctica reduce as indemnizacións por despedimentos aumentando a precariedade dos contratos de traballo, en especial para a mocidade.

Dende Galiza Nova consideramos que non son de recibo este tipo de medidas regresivas e que non se diferencian na práctica do goberno anterior, para nós a solución non pasa por outro sitio que pola derogación destas tres leis, e tratándose das reformas laborais, de ambas. Somos conscientes ademais de que a solución non virá de posíbeis “gobernos alternativos” do estado español, podre por dentro e en cuxo seo non se albiscan alternativas favorábeis para a mocidade galega. Só na ruptura con España e coa ditadura dos mercados, erguendo unha Galiza soberana poderemos dar resposta ás problemáticas que nos condenan día tras día á emigración e á precariedade.