Grandes éxitos de Feijóo que a mocidade nunca esquecerá

Despois dos grandes éxitos de Feijóo “a mocidade galega ten un déficit de formación” ou “recuerdo que había nieve”, o presidente da Xunta soltou unha nova barbaridade na sesión parlamentar de onte: “Galicia é a comunidade onde máis baixou o paro rexistrado en menores de 25 anos en 2014”.

Estamos fartas que nos mintan e nos tomen por parvas, disfrazando cifras!
Primeiro; a Galiza ten máis do 55% da súa mocidade no desemprego e moitas destas persoas en risco de exclusión social.
Segundo: poderán maquillar as cifras do desemprego, non lles será difícil se non contan ás emigradas, a esas 54 persoas mozas que, de media, cada día marchan do noso País, mentres a Galiza queda sen poboación nova.
Agora que nos queda? Semella que nos deixen morrer sen atención sanitaria para logo venderen que reducen as listas de espera na sanidade pública…

O presidente da Xunta gabouse desa cortina de fume que é o Plan de emprego xuvenil na súa comparecencia no Parlamento Galego. Aseverou que este xa está en marcha, mais este plan non é outra cousa que unha medida electoralista, xa que Feijóo vendeunos que destina 100 millóns de euros á formación, cando os seus recortes en ensino, formación profesional, universidades e investigación superan con creces esta cifra. As persoas en formación a quen supostamente se lles facilita o acceso a unhas prácticas desenvolven un traballo profesional a prezo de saldo para as empresas (426 euros) e de forma temporal só por uns meses, namentres non computarán na lista do paro para así a Xunta disfrazar os datos de desemprego.