O verso que titula este artigo pertence ao retrouso dunha canción de Suso Vaamonde que acadou certa popularidade na década dos 70. Este vén a resumir moi ben o estado de ánimo co que o nacionalismo galego se enfrontou ao referendo sobre a Constitución de 1978, pois, naquela altura, ningunha das forzas do nacionalismo galego pediu o voto favorábel para o texto.
Na altura de decembro de 1978, case catro anos antes da Asemblea de Riazor na que se fundaría o BNG, o nacionalismo galego atopábase dividido en, cando menos, catro espazos políticos separados: o máis activo, o formado pola Asemblea Nacional-Popular Galega xunto á UPG formando a coalición electoral co nome de Bloque Nacional-Popular Galego, pediu o voto en contra para a Constitución; o Partido Obreiro Galego, dirixido por Camilo Nogueira, e cunha cultura política que imitaba a do eurocomunismo italiano, pola súa banda, pediu o voto en branco; o Partido Socialista Galego, chamou a súa base social a ficar na casa e non votar e, finalmente, o esquerdista Partido Galego do Proletariado, defendeu a abstención activa formando, xunto con grupos anarquistas, uns Comités Contra a Constitución de moi pouco percorrido práctico. A nivel xuvenil, ERGA, seguindo os postulados da ANPG, chamou tamén ao voto en contra.
Se callar, este consenso dentro do nacionalismo pode semellarnos natural na actualidade, posto que unha Constitución redactada, maioritariamente, por cargos saíntes da Ditadura, que mantén a monarquía designada por Franco e non recoñece o dereito de autodeterminación semellaría, a priori, unha roda de muíño demasiado grande para comungar con ela a ollos de calquera demócrata. Mais naquela altura non o foi. Basta con sinalar que este consenso non se produciu na esquerda española. Non só as principais formacións estatais (PSOE e PCE) pediron o voto afirmativo no referendo, senón tamén algunhas das organizacións máis destacadas da denominada “extrema esquerda”, como o maoista Partido do Traballo ou a Organización Revolucionaria de Traballadores. Para a maior parte da esquerda española, a presión dos poderes políticos e económicos, así como a ameaza dun novo golpe militar, que finalmente se materializaría o 23 de febreiro do 81, pesaron por riba de calquera consideración ideolóxica sobre os contidos do texto. Esta aquiescencia da esquerda española foi determinante na consolidación do novo réxime, malia ser a maioría da poboación do Estado contraria á monarquía como forma de goberno, como admitiría publicamente anos máis tarde o, daquela, presidente Adolfo Suárez.
O resultado do referendo sería tamén fondamente desigual na Galiza e no Estado, cunha participación do 50,2% na Galiza fronte ao 67,11% no Estado, sendo a segunda zona do Estado con menor participación despois de Euskal Herria. Iso si, cunha taxa de voto polo “si” maior que no resto do Estado. Cabe tamén destacar que a baixa participación electoral e escasa confianza nas institucións sería, a partir deste momento, unha das características definitorias da cultura política galega.
Por outra banda, a resposta do Estado contra o nacionalismo galego non se había de facer esperar. Catro anos despois da aprobación da Constitución serían expulsados do primeiro Parlamento galego os 3 deputados da formación nacionalista maioritaria, a coalición BNPG-PSG, por non ter xurado a Constitución, nunha aplicación retroactiva da normativa de máis que dubidosa lexitimidade. Un “toque de atención” por parte do poder xudicial co fin de lle deixar claro ao nacionalismo que agora había democracia, mais sempre dentro duns límites.
A modo de conclusión, podemos finalizar sinalando que o tempo lle remataría dando a razón aos nacionalistas que no 78 se opuxeron á Constitución cando sinalaban que o réxime que ía emanar desta ía a supor máis continuidades que rupturas coa Ditadura. Feito que foi ficando claro a medida que se verificaba a imposibilidade de xulgar a familia real polos seus múltiples casos de corrupción, ou se facía patente que a represión era a única resposta do Estado fronte ás demandas das nacións oprimidas. Pola banda da esquerda estatal, a posición sobre a Constitución foi mudando de forma oportunista desde unha apoloxía inxenua dos seus artigos máis cosmeticamente sociais á denuncia do “Réxime do 78” ou á defensa da necesidade de reformas a medida que a maioría da poboación do Estado se ía desencantando co funcionamento da monarquía constitucional. Pola banda do nacionalismo galego, a nosa posición encol da Constitución mudou pouco con respecto á dos que nos precederon, posto que quen ten razón non ten a necesidade de recoller cable. E é esta constancia nos principios, antes que ningunha outra cousa, a que ten feito do nacionalismo un proxecto sólido e coherente a ollos de boa parte das capas populares do país.