Historia dun Golpe non anunciado. Artigo de Xaquín Bermello

Uns resultados electoriais que presentan irregularidades, unhas protestas cívicas e populares, unha situación descontrolada, a actuación das Forzas Armadas para calmar a situación e un dano colateral e menor: a renuncia do presidente Evo Morales. Unha historia coherente e cunha liña de acontecementos moi clara, pero irreal. Un conto sen moralexa, pois está fundamentado nunha mentira. Aquela que tantas veces foi contada, na que unha tensión social e a ingobernabilidade dun Estado é solucionada cunha rápida chegada ao poder de quen pode impoñer a orde.

En Bolivia a tensión social foi promovida na rexión de oposición a Morales máis importante, Santa Cruz, por individuos tan repulsivos como Luís Fernando Camacho. E quen acudiu ao rescate foi a Policía primeiro e as Forzas Armadas despois, dando un golpe de Estado encuberto baixo diversos malintencionados eufemismos. Pero este sigue sendo o relato que nos queren impoñer.

Certo é que Bolivia atravesou cambios sociais moi complexos dende a chegada de Morales á presidencia froito das súas políticas. Entre estas últimas cabe destacar a redución do analfabetismo, a nacionalización de sectores económicos como o gas e a auga (hai que ter presente o caso chileno), o aumento do PIB ou o protagonismo social e cultural das clases máis desfavorecidas e dos indíxenas. En canto ás consecuencias sociais atopamos algunhas que requiren dunha reflexión profunda, como a irrupción dunha clase media urbana de ascendencia indíxena que parece ir cambiando as súas posturas políticas ante a súa nova condición social. Sen ter en conta situacións desta índole a secuencia presentada ao inicio do texto fica incompleta e verdadeiramente simplista.

Mais, lonxe de querer entrar a considerar os movementos políticos das novas clases sociais bolivianas, o importante é que as modificacións sociais de Bolivia necesitan dunha política consciente do proceso de cambio e con expectativas a longo prazo. A experiencia fainos saber que o ascenso da dereita vendida aos intereses estadounidenses sempre antepón a rápida conversión do sistema económico e a desmantelación das políticas sociais. Todas as concesións, vendas e privatizacións das que sacará proveito o imperialismo económico terán unha rápida repercusión no país andino, facendo estalar en pouco tempo todo o construído nos últimos trece anos.

Áñez representa a cara visible do golpe, a renovada e popular careta coa que o conservadurismo boliviano intenta facerse cun poder que o pobo leva máis de trece anos sen querer darlle

O recente golpe de Estado non ven precedido por ningún cambio social, nin polas protestas orquestadas pola oposición. As accións levadas a cabo pola Policía e os manifestantes de Camacho non son ningún desencadeante do golpe senón a propia exemplificación da violencia e as vexacións que esta xente pode chegar a desenvolver. O golpe é o que é, unha usurpación do poder democrático mediante a violencia desmedida das Forzas Armadas e a Policía. En Bolivia, coma noutros países latinoamericanos, non son os militares os que ostentarán o poder, senón civís.

Áñez representa a cara visible do golpe, a renovada e popular careta coa que o conservadurismo boliviano intenta facerse cun poder que o pobo leva máis de trece anos sen querer darlle. Detrás dela están os Mesa, os Camacho e os Murillo, persoas deleznables que pouco teñen de renovadores e que son de sobra coñecidos polas súas implicacións naquel outubro negro de 2003 que asolou de violencia militar e asasinatos a Bolivia que loitaba contra a especulación dos seus recursos naturais. Quince anos despois as Forzas Armadas e a Policía volven ter un protagonismo na vida política e civil que non deberían, non só en Bolivia, senón tamén en Ecuador, Chile e Brasil, e incluso en Uruguai.

As ameazas e ataques contra os simpatizantes de Morales e contra o propio presidente son a encarnación do discurso racista, antidemocrático e de odio da oposición boliviana. Un discurso repleto de infamias e mentiras que promove a violencia contra as protestas da última semana e mantén exiliado a un presidente lexítimo. Unhas elites que enseguida buscaron o apoio internacional para lexitimarse no poder e, sorpresa, atopárono na OEA, nos EUA, en Bolsonaro e en individuos como Guaidó.

Postularse contra o ascenso ao poder das élites conservadoras e racistas mediante un golpe non é máis que unha obriga para quen defende a liberdade dos pobos, os dereitos humanos e a democracia. A solidariedade con Bolivia agora mesmo pasa pola condena da violencia policíaca e militar contra aqueles que decidiron erguerse tras o 10 de novembro, polo apoio ao lexítimo goberno de Evo Morales e pola enérxica e contundente denuncia contra quen perpetuou o golpe de estado. A violencia contra o pobo boliviano debe parar e Evo Morales debe ter as garantías que proporciona unha democracia para volver ao seu país. Por desgracia sabemos que mentras os usurpadores e golpistas sigan no poder isto vai ser unha quimera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *