Tres mil setenta e cinco historias invisíbeis. Artigo Sabela Méndez

Sabela Méndez

28S. Día da Acción Mundial por un Aborto Legal e Seguro

Os últimos datos oficiais falan de 3075 interrupcións voluntarias do embarazo en Galiza no 2023. Tres mil setenta e cinco mulleres que, para a estatística, non son máis que un número nun rexistro. Tres mil setenta e cinco mulleres que son historias que non se recollen en ningunha táboa.

Atopámonos ante unha clara decisión ideolóxica da Consellería de Sanidade, que opta por derivar as mulleres á privada en lugar de reforzar os recursos públicos. Trátase dunha escolla política máis do Partido Popular: unha voluntaria falta de medios que abre negocio á sanidade privada e que, na práctica, restrinxe o dereito ao aborto.

Desas 3075 mulleres, 1393 tiveron que acudir a centros privados. Fronte a estes datos, a Xunta presume con titulares como: «Galicia practica máis de 60 % das interrupcións voluntarias do embarazo en centros públicos nas sete áreas sanitarias». Mais a realidade é que nin a proximidade nin o acceso real ao dereito de abortar están garantidas. 

A Lei de saúde sexual e reprodutiva regula a obxección de conciencia e obriga a elaborar rexistros de obxectores, e por se fosen poucas as barreiras, o PP en Galiza non puxo en marcha protocolos transparentes, permitindo situacións tan graves como as do HULA en Lugo, onde todo o persoal se declara obxector. O resultado son os centos de mulleres que son derivadas á privada e obrigadas a desprazarse máis de 200 quilómetros até Vigo ou A Coruña, nun dos momentos máis duros e complexos da súa vida.

A reforma da Lei do aborto de 2023 deixa clara a garantía de que o dereito debe exercerse na sanidade pública e de maneira próxima á residencia da muller. Só de maneira excepcional cabe a derivación á privada. Mais en Galiza estamos vendo xusto o contrario: derivación sistemática e ausencia de servizo público en comarcas enteiras.  

O goberno do Partido Popular na Xunta actúa como freo a calquera avance educativo: suprimiu materias de igualdade e limita a acción educativa á voluntariedade do profesorado e das ANPA, suprimindo a formación por unha suposta «neutralidade ideolóxica». Mais esta educación é imprescindíbel, permitindo non só ás mulleres ter o control sobre a súa capacidade reprodutiva, senón tamén para combatermos o machismo, a violencia de xénero, o acoso escolar e a LGBTfobia. Sen formación en afectividade, respecto e sexualidade, non hai liberdade nin dereitos plenamente exercidos.

As mulleres galegas non podemos aceptar que os nosos dereitos e os nosos corpos sexan utilizados para xerar lucros económicos a determinadas empresas, nin que contribúan ao plan de deterioro da sanidade pública que pretende levar a cabo a Xunta de Galiza. Tampouco podemos permitir que os nosos dereitos se vexan vulnerados por unha administración que ampara discursos retrógrados e contrarios aos dereitos das mullere, por riba da nosa seguridade e da nosa vontade.

Neste 28 de setembro, Día da Acción Mundial polo Dereito ao Aborto, volvemos dicilo alto e claro: na Galiza queremos un acceso á interrupción voluntaria do embarazo legal, seguro e accesíbel para todas. Sen silencios. Sen barreiras. Sen desigualdades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *