Homenaxe a Rosalía e Castelao

Esta mañá vimos de presentar en rolda de prensa a Homenaxe a Rosalía e Castelao, que vimos realizando desde hai máis de 20 anos. Como cada ano, Galiza Nova reivindicará a dúas figuras principais da nosa nación: Rosalía de Castro e Daniel Castelao.

Olalla Rodil, membro da Dirección Nacional de Galiza Nova e Parlamentaria do BNG no Paralmento Galego declarou que esta homenaxe, ademais de ser un día de lembranza a dúas das persoas irrepetíbeis sen cuxo pensamento, obra e acción non podería entenderse nin  o nacionalismo galego nin Galiza mesma. Será tamén un acto festivo e político de defensa dos dereitos nacionais e sociais das galegas e galegos, especialmente da mocidade.

Destacou tamén a situación de precariedade e empeoramento das condicións de vida da mocidade galega após esta década de goberno do Partido Popular no goberno galego, unha mocidade que merece un país con futuro, con oportunidades para desenvolver o seu proxecto de vida e condicións de traballo dignas. O mesmo polo que loitaron Castelao e Rosalía.

Pola súa banda, Navia Rivas, membro da Dirección Nacional de Galiza Nova e Concelleira do BNG no concello de Santiago de Compostela, puxo en valor os 26 anos que Galiza Nova leva realizando esta homenaxe, así como tamén o novo formato co que contará esta edición, que tenta poñer en valor as potencialidades coas que conta a mocidade galega á hora de utilizar novos métodos de comunicación e acción cos que chegar ao conxunto da mocidade galega.

Neste senso, presentarán e conducirán o acto dous youtubeiros galegos, Brais Doval e Miguel Silva (Aquel-e). Dúas persoas que a través das súas canles en Youtube están a amosar a potencia creativa da mocidade galega mais tamén un discurso que, con retranca, reflexiona sobre a realidade do noso país e das mozas e mozos de Galiza.

A Homenaxe contará coas intervencións políticas de Claudia Quintela, Responsábel de Organización de Galiza Nova, Navia Rivas, Responsábel de Relacións Internacionais de Galiza Nova e concelleira do BNG no concello de Compostela e de Ana Pontón, Voceira Nacional do Bloque Nacionalista Galega. Por outro lado, contará – como veñen facendo nos últimos anos –  cunha actuación musical, desta volta a cargo do grupo de rock en galego, The Lelli Kellys.

A Homenaxe terá lugar o 24 de xullo ás 17:30h no Parque de Bonaval e após a intervención musical realizarase unha ofrenda floral, a Rosalía e Castelao, no Panteón dos Galegos Ilustres.

Por terceiro ano, ao remate da homenaxe realizarase unha Ruada pola Independencia ás 19:00h, onde a mocidade de Galiza Nova reivindicará nesta xornada de loita a necesidade de independencia para Galiza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *