Esta mañá, a organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, presentou en rolda de prensa a Homenaxe a Rosalía e Castelao, que veñen realizando desde hai máis de 20 anos. Como cada ano, Galiza Nova reivindicará a dúas figuras principais da nosa nación: Rosalía de Castro e Daniel Castelao.
O Secretario Xeral, Alberte Fernández declarou que a realización desta homenaxe parte da consciencia de que nestes 30 anos de historia de Galiza Nova, “Rosalía e Castelao sempre foron referentes tanto na acción como na teoría da nosa organización”.
Este ano a Homenaxe enmárcase como acto central do 30 aniversario da organización xuvenil, e contará coa participación de figuras históricas da organización como Xosé Emilio Vicente (Ex-Secretario Xeral 2004-2007), Iria Aboi (Ex-Secretaria Xeral 2007-2012) e Alberte Mera (Ex-Secretario Xeral 2012-2016). Ademais, contará co intervención do actual Secretario Xeral, Alberte Fernández e de Ana Pontón, Portavoz Nacional do BNG e ex-responsábel de organización de Galiza Nova (2000-2003).
A Homenaxe terá lugar o 24 de xullo ás 17:00h no Parque de Bonaval e contará nesta edición coas intervencións musicais do grupo de rock galego Nao e do dúo de rapeiros SonDaRúa. Tras as intervencións políticas e musicais realizarán a tradicional entrega floral en honor de Castelao e Rosalía, no Museo do Pobo Galego.
Por segundo ano, ao remate da homenaxe realizarán unha Ruada pola Independencia ás 19:30h, onde a mocidade de Galiza Nova reivindicará nesta xornada de loita a necesidade de independencia para Galiza.