GALIZA NOVA CELEBRA O SEU 30 ANIVERSARIO E RENDE HOMENAXE AO LEGADO DE ROSALÍA E CASTELAO

Nesta véspera do 25 de xullo, Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, celebrou no Parque de Bonaval o seu acto central conmemorativo dos seus trinta anos de historia contando coa participación de militantes históricos da formación xuvenil e numerosas delegacións internacionais convidadas. Ademais, como vén sendo tradición da organización xuvenil rendeu homenaxe ás dúas figuras máis importantes da nosa nación, Rosalía de Castro e Daniel Castelao, dous símbolos e exemplos para todas as mozas e mozos que día a día loitamos polos dereitos colectivos que como nación nos pertencen.

Nesta edición, Galiza Nova xuntou a máis de 400 mozas e mozos que ateigaron máis un ano o Parque de Bonaval. O acto contou coas intervencións políticas de Iria Carreira, integrante da Comisión Permanente e da Dirección de Galiza Nova, Xosé Emilio Vicente, Iria Aboi e Alberte Mera, ExSecretarios xerais de Galiza Nova nos últimos 15 anos, Alberte Fernández, Secretario Xeral, e Ana Pontón, Portavoz Nacional do BNG. Ademais o público desfrutou actuación musical dos grupos galegos NaoSondarúa.

Alberte Fernández, Secretario Xeral de Galiza Nova, fixo énfase en que “as mozas organizadas en Galiza Nova non poderíamos estar máis orgullosas de quen nos precedeu no traballo da organización xuvenil nacionalista”, indicou que “os grandes problemas da mocidade galega seguen a ser os mesmos que no tempo no que escribiron Rosalía e Castelao, e só o nacionalismo ten solución para eles”.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, animou aos mozos e mozas de Galiza Nova a sumar máis mocidade ao nacionalismo e a ser o motor do cambio que precisa este país, cambio que só será posible a través de forzas políticas que teñan a cabeza e o corazón aquí, e sen máis  obediencia que ao pobo galego.

“Anímovos a ser o motor dun novo tempo político para Galiza que o BNG quere liderar,  un tempo novo que nos permita conquistar dereitos, avanzar cara unha Galiza  dona do seu futuro, con igualdade, con emprego digno, unha Galiza feminista e sen emigración”, instou Pontón. “É posíbel facelo”, recalcou, durante a súa intervención no acto de homenaxe a Rosalía e Castelao que as xuventudes do Bloque realizan desde fai trinta anos en véspera do Día da Patria.

Pontón apelou “ao compromiso e inconformismo” que está na orixe de Galiza Nova para sumar a máis xente moza ao proxecto nacionalista, “precisamente desde esa rebeldía que significa dicir que somos galegos e galegas” e desde a confianza nas propias forzas.

Posteriormente tivo lugar unha entrega floral no Panteón de Galegos Ilustres a estas dúas figuras fundamentais para a Galiza e para a mocidade galega. Após a histórica ofrenda floral, Galiza Nova realizou a segunda edición da Ruada pola independencia nas rúas do casco vello de Compostela desde Bonaval até o Festigal.