Un ano máis lembramos en Carral aos Mártires da Revolución de 1846. Fixemos xustiza novamente a quen de verdade lla hai que facer, recuperando a nosa memoria para podermos reafirmarnos como pobo e que non nos rouben o que é noso.
O acto organizado esta mañá por Galiza Nova e o BNG en Carral, e no que interviron o Portavoz Nacional do Bloque, Xavier Vence, a compañeira de Galiza Nova e candidata ao Parlamento Europeo, Alba Castanedo, e Vitoria Louro, portavoz municipal do BNG de Carral, lembrou que tal día coma hoxe, hai 168 anos, foron fusilados na vila de Carral 12 persoas que se rebelaron contra o poder central e que xa falaban de Galiza como colonia e que advertían que a nosa nación era unha colonia ao servizo da oligarquía financeira e das decisións políticas que se adoptan polo Estado español e que negan a nosa identidade e a nosa capacidade produtiva impedindo así, o desenvolvemento de Galiza.
168 anos despois continuamos erguendo as reivindicacións dos Mártires de Carral, pois sabemos que Galiza ten capacidade, é unha nación rica asoballada polo centralismo español mais que ten capacidade propia. Por iso recuperamos a nosa historia para poñer de manifesto unha vez máis que a solución vén da man da soberanía nacional.
A historia do nacionalismo galego vén de lonxe e tras 168 anos aquí seguimos, pois somos un pobo que nunca se rendeu. Un pobo que sempre deu a cara, e incluso que deu a vida por Galiza. Aquí hai futuro, hai alternativas tamén a toda esta barbarie do PP.
No BNG e en Galiza Nova témolo claro e seguiremos facendo xustiza e reclamando o que nos corresponde, porque por moito que lles pese nunca nos puideron calar nin nunca nos calarán.
Adiante por unha Galiza Ceibe!